Domingo, 4 Maio de 2025

Unha colisión entre dous vehículos deixa cinco persoas feridas en Redondela

Un total de cinco persoas resultaron feridas despois de colidir dous turismos ao seu paso polo concello pontevedrés de Redondela.

Ao fío das 10:30 horas desta mañá, un particular informaba ao 112 Galicia dun accidente entre dous vehículos que circulaban pola estrada que une Redondela e Arcade, á altura do lugar de Soutoxuste. O alertante indicaba que podía haber persoas feridas pero aseguraba que as persoas estaban accesibles.

Así, con estes datos, desde o 112 Galicia pasouse aviso decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que derivou ata o lugar dúas ambulancias. Ademais foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, os Bombeiros de Redondela e os efectivos de Protección Civil.

Finalmente, tras chegar ao punto e evacuar aos feridos, os profesionais sanitarios confirmaron o traslado dun total de cinco persoas, dúas delas trasladadas á Clínica Fátima e os tres feridos restantes ao Hospital Domínguez.

Desde o 112 Galicia tamén se solicitou a colaboración do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou da limpeza da vía.