Domingo, 4 Maio de 2025

A Deputación inicia, a vindeira semana, as obras de mellora na estrada provincial entre Redondela e Ventosela

A actuación da Deputación inclúe a reparación do asfalto, a instalación de dous pasos de peóns elevados e redutores de velocidade, o pintado integral da vía e o reforzo da sinalización vertical

A Deputación de Pontevedra acometerá a partir de próxima semana as obras de mellora da estrada provincial EP-2900 entre Redondela e a localidade de Ventosela. Os servizos técnicos provinciais xa teñen pechadas as actuacións a realizar nesta vía, cun trazado total de 2,6 Km, no marco da planificación de mantemento ordinario da Rede Provincial de Estradas e incorporando tamén a petición expresa do Concello de Redondela para incluír un novo paso elevado para peóns, amais do que xa estaba previsto no proxecto.

Despois de varios meses de traballo de planificación, o persoal técnico da Deputación coordinará unhas actuacións, cun investimento en torno aos 50.000 euros, que comezarán polo asfaltado da estrada, con aglomerado en quente, nos sectores deteriorados do pavimento, deixándoo en perfectas condicións de servizo. A maiores vanse instalar dous pasos de peóns sobreelevados e, finalmente, procederase ao pintado integral e ao reforzo da sinalización vertical.

Os traballos de asfaltado encádranse no Plan Marco de Reforzo de Firmes deste ano. No que atinxe aos pasos de peóns vaise acometer a instalación dun primeiro no PK 0+105 incluído no Plan Móvese III, é dicir, no operativo da Deputación destinado á mellora ordinaria da seguridade viaria nas estradas provinciais. A maiores, a petición da alcaldesa redondelá, Digna Rivas, e para optimizar os tránsitos peonís, a Deputación elevará outro paso de peóns na contorna do PK 2+000 e instalará redutores de velocidade. Unha vez finalizadas estas actuacións procederase ao pintado integral dos 2,6 Km de estrada e á mellora da sinalización vertical.

A Deputación de Pontevedra vén acometendo actuacións de seguridade viaria e mantemento na EP-2900 entre Redondela e Ventosela de maneira sostida durante os últimos anos e así, dentro das fases I e II do Plan Móvese xa executou 6 badéns redutores de velocidade nesta vía, ademais dos labores ordinarios de roza das súas beiras, realizando dúas “pasadas” anuais