Sábado, 3 Maio de 2025

A ANPA ‘Paulina Sánchez Otero’ do IES Illa de San Simón de Redondela aconsella ás familias “non levar aos nenos ou nenas ao instituto”

Ante o que cualifican un comezo de curso “inseguro e improvisado” a ANPA ‘Paulina Sánchez Otero’ do IES San Simón de Redondela mírase na obriga “de chamar a atención ás familias sobre o perigo que corren e que poden propagar se a Consellería de Educación empeñase en abrir o instituto sen garantir as normas de prevención contar o Covid que ela mesma considera imprescindibles”. “Para evitar esta propagación do coronavirus no noso pobo chamamos a responsabilidade das familias non deixando aos seus fillos ou fillas acudir ao instituto se continuan as actuais condicións” sinala a ANPA.

Cómpre salientar que as ANPAs de Redondela teñen dirixido xa varios escritos a Consellería de Educación polo que consideran “unha deixadez de responsabilidades” cargando sobre as ANPAs con responsabilidades que son competencia da administración educativa e, poñen como exemplos, “os comedores escolares, aulas madrugas e actividades extraescolares, imprescindibles para a conciliación laboral e familiar”. Por eses motivos, o pasado 11 de setembro manifestáronse públicamente e, pese a iso, “a día de hoxe non temos ningunha resposta por parte da Consellería”, lamenta a ANPA do IES Illa de San Simón.

Ademais disto, a dirección e equipo directivo do IES Illa de San Simón veñen reclamando á Consellería de Educación o aumento do persoal de limpeza do instituto, xa que sen ese reforzo é imposible garantir a desinfección do centro segundo a normativa ditada pola propia Consellería de Educación no Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021.

A gravidade desta situación, explica a ANPA, foi posta en coñecemento da Consellería “sen que solucionara o problema”. Debido a esta outra deixadez por parte da Consellería, “o equipo directivo anunciou a imposibilidade de abrir o centro ao alumnado o pasado 16 de Setembro, data prevista de inicio do curso”. Esta circunstancia, xunto a outras doutros IES de toda Galicia fixo que a Consellería atrasara o inicio do curso ao 23 de Setembro. “De non obter unha solución, loxicamente, o equipo directivo anuncia que dimitirá en bloque”, afirma a asociación de nais e pais.

Unha vez tratado este tema entre a ANPA e o equipo directivo, a ANPA do IES Illa de San Simón decidiu dirixir escritos a inspección educativa e xefatura territorial de educación “urxindo a unha solución inmediata”, debido a proximidade do inicio do curso, “e satisfactoria, debido ao perigo para a saúde dos nosos fillos e fillas, e por suposto dos traballadores e traballadoras do instituto, pero tamén para as familias e o pobo de Redondela”.