Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz da a coñecer unha ampla programación cultural para este outono

O Concello de Mondariz vén de dar a coñecer a súa progración cultural de outono, unha serie de actividades nas que abunda o cinema e o teatro e repítense actividades que tiveron unha grande aceptación en edicións pasadas como as xornadas de micoloxía –que cada vez contan con máis persoas afeccionadas ao mundo dos cogomelos– e as clases de defensa persoal para mulleres.

A programación que arrancaba o pasado día 19 de setembro coa proba de orientación nocturna, ten a súa continuidade este vindeiro sábado, 26 de setembro, co concerto que Broken Peach ofrecerán ha Praza de España ás 22:30 horas, actividade que, en caso de choiva, será trasladada á Praza de Abastos.

O día 3 de outubro ás 19:30, será a quenda da música coral co ciclo Outono en Son na Praza de España. A primeira das citas co teatro terá lugar o sábado seguinte, 10 de outubro ás 21 horas no Auditorio Municipal co espectáculo Chola a It girl. Nesa mesma fin de semana, o domingo 11 de outubro, os máis pequenos terán o seu espazo nesta programación cultural co contacontos Os contos do avó: lendas e historias de Galicia, actividade que se desenvolverá na Biblioteca Municipal ‘Xoán Xosé Pérez Labaca’.

O sábado 17 de outubro o cine será o protagonista coa proxección ás 10:30 horas, no Auditorio Municipal, da película O que arde, actividade que contará coa presenza do seu director, Oliver Laxe; a actriz Benedicta Sánchez e o actor Amador Arias con quen o público poderá manter unha charla coloquio.