Martes, 17 Xuño de 2025

Concello e Confraría de pescadores asinan un convenio de galeguización da lonxa de Cesantes

A alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística e o patrón maior da confraría asinaron onte un convenio de cara a introducir e consolidar o galego na rotulación e documentación escrita da lonxa

Na mañá do martes 15 de setembro a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e o patrón maior da confraría de San Xoán de Cesantes, Xoel López, asinaron un convenio de colaboración para a galeguización da lonxa. Dito acordo permitirá que a lonxa de Cesantes inicie un proceso da normalización do galego contando co asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela que é competencia da propia Alcaldesa.

Este convenio permitirá introducir e consolidar a lingua galega nun espazo onde o galego “é a lingua habitual na fala pero non na documentación escrita nin na rotulación da lonxa”, explica a alcaldesa de Redondela.

O Goberno local considera que este tipo de acordos son altamente positivos “posto que a propia sociedade civil é partícipe do proceso de normalización lingüística”. Desta maneira, segundo se apunta dende a entidade local, “conseguimos implicar a máis persoas e colectivos nunha tarefa común como é fomentar o uso do galego”.