Sábado, 3 Maio de 2025

Salceda de Caselas acollerá un curso sobre a xestión de xuntas reitoras de comunidades de montes

A acción formativa, organizada pola Asociación Forestal de Galicia, desenvolverase o sábado 12 no centro cultural de Parderrubias

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) está a desenvolver este segundo semestre do ano un amplo programa formativo dirixido a mellorar o manexo silvícola do monte. Na próxima semana, ten previsto realizar un dos cursos en Salceda de Caselas, no que se abordará a xestión de xuntas reitoras de comunidades de montes. Será o sábado 12 de setembro en horario de mañá no centro cultural de Parderrubias.

O obxectivo do curso sobre xestión de xuntas reitoras é revisar os aspectos básicos de cara a mellorar o funcionamento das comunidades. A acción formativa aborda as seguintes cuestións, entre outras: organización e administración da comunidade, lexislación aplicable, planificación da xestións dos recursos do monte e réxime fiscal ó que están sometidas as comunidades de montes.

De cara a garantir a correcta prevención de riscos, todas as persoas asistentes deberán levar mascarilla en todo momento. Haberá ademais xel hidroalcohólico a disposición das persoas asistentes e procurarase no posible manter axeitadas distancias de seguridade.

Os cursos, que contan co apoio de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, son gratuitos, pero é precisa a inscripción previa, ben a través do enderezo electrónico [email protected], ben a través dos teléfonos 986 660 864, 981 564 011 ou 618 752 214.

Na comarca de Vigo, tamén se desenvolverán cursos coa mesma temática o venres 18 en Tui, o sábado 19 en Vilaboa e o sábado 26 en Redondela, estando aberto o prazo de inscripción para todos eles.