Luns, 5 Maio de 2025

A Deputación abre a inscrición para a segunda “Depo Orienta” do día 27 no Monte da Lagoa de Castiñeira

A primeira ruta deste pasado domingo no Galiñeiro desbordou todas as expectativas de participación con máis de 200 persoas entre familias, parellas e deportistas individuais

Con Vive Deporte, a programación coa que a Deputación de Pontevedra pon en valor as actividades deportivas sustentables, as persoas amantes da natureza teñen a oportunidade de realizar unha nova actividades de orientación, tras o éxito de participación deste pasado domingo no Monte Galiñeiro.

Así, a institución provincial abriu este luns o prazo de inscrición da segunda destas rutas “Depo Orienta”, que terá lugar o domingo 27 de setembro no Monte da Lagoa de Castiñeira. O obxectivo das persoas participantes é realizar no menor tempo posible un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa axuda dun mapa, que se lles entrega xunto co material preciso para a realización da actividade no punto de partida.

As persoas interesadas en asistir poden anotarse de xeito gratuíto no sitio web da Deputación (www.depo.gal) ata completar o límite das 200 prazas. Aquelas persoas que se apunten con posterioridade, ata un máximo de 100, pasarán á lista de agarda. O prazo para inscribirse, de non completarse antes o aforo, rematará o 21 de setembro ás 12 horas.

“Vive Deporte” ten como obxectivo fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial. O programa está dirixido a todas aquelas persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables e inclúe, aparte das actividades de orientación, unha trintena de rutas e andainas.