Venres, 9 Maio de 2025

A Policía Local de Mos recibe o primeiro dos vehículos ECO cos que amplía o seu parque móbil

Pasa de ter 3 vehículos (2 coches e 1 moto) a 5 coa actual incorporación dun ‘Suv’ mediante renting, que xa foi recepcionado, e dunha furgoneta de atestados subvencionada pola Consellería de Presidencia, Admninistracións Públicas e Xustiza, ambos ecolóxicos: un híbrido e outro eléctrico

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o Xefe da Policía Local, Gerardo Álvarez, recibiron no Concello o coche modelo ‘Suv’ ECO híbrido que se financia con fondos propios do Concello mediante un renting e que forma parte da renovación e ampliación do parque móbil policial con dous novos vehículos cos que a administración local mosense aposta pola mobilidade sostible e a reducción de emisións contaminantes. Arévalo fíxolle entrega a Álvarez das chaves do novo coche policial.

Ademais deste coche modelo ‘Suv’ ECO híbrido, o outro vehículo trátase dunha furgoneta totalmente equipada para atestados, que conta con subvención da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. A axuda autonómica concedida para a adquisición deste furgón de atestados ascende a case 32.000 euros, 31.832,52 para ser exactos.

Estímase que a furgoneta de atestados recibirase aproximadamente a principios do vindeiro mes de outubro e é un vehículo ECO eléctrico que cubrirá as necesidades operativas e de autonomía da Policía, posto que debido á gran dispersión poboacional pode ter que realizar ao día máis de 400 quilómetros para atender as diferentes necesidades e denuncias veciñais. Polo que precisaban dun vehículo de baixo consumo.

O vehículo está dotado dunha oficina ambulante na cal poder redactar atestados sobre verteduras, distancias de malezas… cun posto de oficina formado por un asento para o axente redactor do atestado cunha mesa, así como unha parte reservada para, ou ben o denunciante ou ben o denunciado, dependendo das peculiaridades de cada actuación. O posto do axente estará provisionado cun equipo multitarea e unha impresora, así como dos habitáculos e espazos necesarios para poder levar os diferentes útiles, non só de oficina senón tamén todos os necesarios para levar a cabo todo tipo de medicións e comprobacións.

A Policía Local de Mos, dispoñía xa ata o de agora de 2 coches policiais e 1 motocicleta (tamén subvencionada pola consellería de Presidencia da Xunta xunto con outro dos 2 coches cos que xa contaba a Policía) cos que se realizan as tarefas de vixilancia. Ante o interese deste Concello na loita contra o cambio climático reducindo a emisión de CO2, adquirirase unha furgoneta ECO eléctrica de atestados que reúne as condicións necesarias tanto de espazo interno, equipamento e consumo ecolóxico.