Domingo, 4 Maio de 2025

Lazoiro denuncia o uso de maquinaria pesada no Castelo de Santiago de Aitona, en Salvaterra de Miño

A Asociación Lazoiro de Salvaterra de Miño vén de denunciar o traballo que está a realizar maquinaria pesada na zona do Castelo de Santiago Aitona, declarado como BIC con referencia RI-51-0008972. Trátase –explica Lazoiro– “dunha fortificación abaluartada realizada en terra e situada no lugar do Casal, nun estado de abandono por parte da administración e sen ningún tipo de sinalización”.

Cómpre salientar que Lazoiro leva anos solicitando a súa sinalización e mesmo formalizou fai uns meses unha queixa perante Patrimonio, “que fixo caso omiso das nosas advertencias”, asegura a Asociación que, nesta mesma semana tivo coñecemento da realización de obras de grandes dimensións con maquinaria pesada “que afecta ao BIC ao tratarse de movemento de terras, talas de árbores e levantamento dun muro de grandes dimensións”.

Lazoiro lamenta unha vez máis o abandono, tanto por parte de Patrimonio coma do Concello de Salvaterra, do Castelo de Santiago Aitona, “que podería ser usado para fomentar o turismo e posta en valor do noso patrimonio”.