Sábado, 3 Maio de 2025

Na comarca do Condado, catro concellos reciben achegas da Deputación para fomentar a igualdade e previr as violencias machistas

O total das subvencións supera os 21.000 euros, que irán a parar aos concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves e Salvaterra de Miño

A Deputación de Pontevedra vén de conceder subvencións por un total de 21.325,31 euros a catro concellos da comarca do Condado coa fin de fomentar a igualdade de oportunidades e previr a violencia de xénero. En concreto, serán os concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves e Salvaterra de Miño os que se beneficien destas achegas, coas que levarán a cabo diversas accións nos seus territorios.

Máis polo miúdo, a Mondariz irán destinados 4.626,09 euros co fin de promocionar as relacións saudables entre homes e mulleres a través de “Mondariz Concilia”, unha ludoteca para a conciliación, e “Mondariz  Coeduca”. A Mondariz-Balneario irán a parar 5.482,78 euros cos que se levarán a cabo as diferentes actividades recollidas no primeiro plan de igualdade do concello como incorporar linguaxe non sexista nos contidos web ou o desenvolvemento da escola de verán.  A Deputación de Pontevedra aprobou tamén 5.905 euros para As Neves que terán como obxecto a intervención socioeducativa para fomentar no alumnado a superación dos estereotipos de xénero e actitudes machistas. Amais, o ente provincial concedeu ao concello de Salvaterra de Miño 5.311,44 euros para a realización dun programa de prevención da violencia de xénero na Educación Primaria, as accións que se leven a cabo estarán destinadas tanto ao alumnado como ao profesorado.

Estas axudas da Deputación de Pontevedra, destinadas a concellos de menos de 20.000 habitantes, contan na súa quinta edición cun orzamento de 230.000 euros, 10.000 máis que o pasado ano, e delas beneficiaranse 44 concellos da provincia, un máis que no 2019. O obxectivo destas subvencións é traballar en estreita colaboración cos concellos para que impulsen e realicen actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria e que loite contra as violencias machistas, tanto no eido da concienciación como no da formación. Esta cooperación entre institucións é fundamental ó tratarse dos niveis máis próximos á cidadanía e polo coñecemento que os concellos teñen da súa poboación.