Martes, 6 Maio de 2025

Redondela fai un chamamento “á responsabilidade” para o sábado en que tiña que celebrarse o Entroido de Verán suspendido pola COVID-19

A Policía Local intensificará a vixilancia para evitar que se produzan concentracións non autorizadas pola actual normativa sanitaria na loita contra o coronavirus

A suspensión do ‘Entroido de Verán’ acordada polo Concello de Redondela por mor da pandemia da COVID-19, celebración que tería que celebrarse mañá sábado 22 de agosto, vén de ser acompañada por unha chamada á responsabilidade por parte do Goberno que preside Digna Rivas.

“A situación de contaxios que, segundo os datos da Consellería de Sanidade, non deixa de medrar nos últimos días, fai preciso que todos e todas teñamos ben presente que o coronavirus segue aí e que é preciso extremar as medidas de seguridade para evitar a súa propagación”, explica a alcaldesa de Redondela.

Nese sentido, a Policía Local vixiará que non se celebren reunións non autorizadas pola actual normativa sanitaria, como ‘quedadas’ ou ‘botellóns’ que “supoñen un grave risco sanitario, non só para as persoas que participan neles, senón para as súas propias familias unha vez de volta na súa casa”.

A rexedora local expresa a súa confianza “na responsabilidade de que fixeron gala, durante os momentos máis duros do confinamento os veciños e veciñas e que agora seguen amosando á hora de cumprir as directrices que marcan as autoridades sanitarias”.