Sábado, 3 Maio de 2025

Música e aforo controlado para celebrar as festas de Mondariz

O Concello de Mondariz preparou unha programación cultural alternativa, sen verbenas nocturnas nin recinto feiral, para evitar as aglomeracións

A crise sanitaria pola COVID-19 obrigou a suspender a celebración tradicional das festas patronais na maioría das localidades. O Concello de Mondariz tamén optou pola prudencia para minimizar os riscos epidemiolóxicos. Unha vez descartado o programa habitual de verbenas nocturnas, a Concellería de Educación e Cultura púxose a traballar nunha programación cultural alternativa para o fin de semana do 15 e do 16 de agosto de 2020, datas das Festas Patronais da Virxe da Peña de Francia e San Roque, que permitise un control do aforo e das medidas de prevención recomendadas. Podes descargar o programa completo nesta ligazón.

“Inspirados polo movemento social e cultural #quedanacasa, organizamos unha serie de concertos de grupos de música folk tradicional e contemporánea formados en Mondariz, coa intención de pór en valor a riqueza musical que existe na vila”, explica Anxos Carballo, responsable das concellerías de Educación e Cultura e de Igualdade e Mocidade no Concello de Mondariz.

Estes concertos, enmarcados no festival “TODO QUEDA NA CASA 2020”, arrancaron o 8 de agosto, coa actuación do grupo de música folk tradicional “O Son do Río” na Praza de Mondariz, e continúan este fin de semana de festas patronais (15 de agosto) coa actuación do grupo “Pédëpôtè” e o vindeiro sábado, 22 de agosto, coas agrupacións “Ghaveta” e “Lagarteiras”.

Para este fin de semana de festas patronais, ademais do concerto de “Pédëpôtè”, programáronse outras actividades culturais na Praza de Mondariz, como unha sesión-vermú da Banda de Música Cultural de Mondariz, un espectáculo de circo e actuacións musicais das formacións “Festicultores Troupe” e “Broken Peach”.

Para un maior control do aforo e do cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias de protección fronte á COVID-19, o Concello de Mondariz solicitou a colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea.

Con este cambio obrigado na programación cultural para a celebración das Festas Patronais da Virxe de Peña de Francia e San Roque, a Comisión de Festas deixou de recibir os 15.000 euros programados no orzamento municipal vixente. “Durante o debate sobre a proposta orzamentaria do goberno para o exercicio 2020 que houbo na última sesión plenaria da Corporación Municipal, Alternativa por Mondariz recriminoulle ao goberno que recortase a partida destinada a colectivos sociais, sen ter en conta que a crise sanitaria pola COVID-19 obrigou a suspender ou modificar actividades sociais e culturais que tiñan axuda financieira do Concello, como as propias festas, e que a partida destinada a emerxencia social pasaba de 18.000 a 36.000 euros no plan orzamentario do goberno, que acabou sendo tombado por AporM e PP”, apunta o alcalde, Xosé Emilio Barros, en relación ao contexto político actual.

Por coincidencia con festivo local, o 16 de agosto non haberá feira dominical en Mondariz.