A praza Arquitecto Antonio Palacios do Porriño acollerá, dende as 21 horas do vindeiro venres, ‘O Porriño Street Food’, unha cita na que se combinan a gastronomía e a música en directo. Seis serán os food track que se acheguen á vila da Louriña para participar neste festival gastronómico: Mean Dogs, Crepes & Roll, Faiscas, Matafame e Gale-Truck –todos eles de Ourense– aos que seumarán os leoneses de Rock & Dog.
Deste xeito O Porriño incorporase a unha tendencia cada vez máis estendida que demanda estas novas fórmulas que reúnen comercio non convencional, ocio e gastronomía en espazos abertos. “Ademais a capacidade de convocatoria deste tipo de eventos e a boa previsión meteorolóxica para o vindeiro fin de semana fan prever unha altísima presenza de público da área metropolitana e polo tanto un importante retorno económico para Porriño”, valorou a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, na presentación do evento.

A organización, a cargo da OMIX de Porriño e a empresa de eventos ‘Galicia Street Food’ instalarán carpas, mesas e cadeiras para o público asistente. Os food trucks “ofrecerán propostas gastronómicas suculentas e orixinais que comprenderán hamburguesas premium, bocadillos gourmet, tapas orixinais, cocina vegana, crepes e gofres artesás e cervexas de autor”, dixo Cristóbal Cudeiro, responsable da empresa organizadora.
Cudeiro sinalou que a elección de Porriño para este evento –que será a primeira vez que acolla unha actividade deste tipo–, “responde ás características de esta vila e á excelente colaboración por parte do Concello”.
A oferta gastronómica manterase ata o domingo 5 do ‘O Porriño Street Food’ e estará complementado por un mercado con 10 comerciantes da cidade e por actuacións musicais diarias que contribuirán á animación.