Domingo, 4 Maio de 2025

O antigo colexio de Trasmañó será reconvertido nun Centro Comunitario “dinámico e vivo” ao servizo da veciñanza

O Goberno local realizará unha xornada de portas abertas para que veciñas e veciños poidan coñecer a nova instalación

O antigo colexio de Trasmañó, logo de anos de esquecemento, volverá a recuperar a súa utilidade como Centro Comunitario para a veciñanza da parroquia, segundo sinalou o Goberno local de Redondela. A intención do executivo que preside Digna Rivas é converter estas instalacións “as grandes esquecidas dos anteriores gobernos” nun centro “dinámico e vivo” onde asociacións e colectivos –con preferencia os da propia parroquia– poidan desenvolver todo tipo de actividades.

A propia estrutura do inmoble, explica a alcaldesa de Redondela, “o fai idóneo para o seu aproveitamento veciñal xa que, á amplitude de espazos interiores, engádese unha boa zona exterior que conta, incluso, con pista deportiva”.

O Centro Comunitario conta, entre as súas dúas plantas, un total de cinco aulas, unha delas de grandes dimensións, almacén e tres baños, un deles adaptado. No exterior, amais dunha moi ampla zona común, atópase tamén unha pista multideportiva. Esa zona exterior será agora obxecto de traballos de mellora de cara a que estea en perfectas condicións para o uso da veciñanza da parroquia.

En vindeiras datas, a intención do Goberno de Redondela é facer unha xornada de portas abertas para que veciñas e veciños de Trasmañó poida coñecer con detalle as instalacións, tanto exteriores como interiores, do novo Centro Comunitario Municipal .

“Queremos sobre todo –apunta Rivas– un centro dinámico e vivo. Trátase poñer a disposición de veciñas e veciños unhas instalacións que contribúan ao desenvolvemento social, cultural e veciñal da parroquia e que sexa o catalizador e dinamizador da súa actividade”.

A versatilidade das instalacións permitirán o seu para outras actividades puntuais, como poden campamentos de verán como nos que, durante este mes de agosto, está a desenvolver a asociación Andaina de Redondela, (Asociación para persoas con necesidades especiais). Esta é, aclara a alcaldesa Digna Rivas, unha actividade moi puntual e para a que, tal e como se sinala na resolución de Alcaldía, “se lle ceden dúas aulas e espazos comunes para esta actividade durante un mes”. Trátase dun campamento moi especial porque “cubre as necesidades dos nosos nenos e nenas que teñen esas necesidades especiais”.