Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela homenaxea ao equipo xuvenil do Club Deportivo Choco tralo seu ascenso á División de Honra

A alcaldesa Digna Rivas e o Concelleiro de Deportes, Nacho González, felicitaron aos xogadores, corpo técnico e directiva, por un logro que coloca a Redondela no mapa deportivo nacional

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada polo concelleiro de Deportes, Nacho González e concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal, recibiron na Praza do Concello aos compoñentes do equipo xuvenil do Club Deportivo Choco e así facerlles unha merecida homenaxe polo seu recente ascenso á División de Honra.

Digna Rivas quixo transmitir como alcaldesa e polo tanto “en nome de todos os veciños e veciñas” o seu orgullo polo traballo realizado ao longo dunha complicada tempada na Liga Nacional e felicitou tanto aos xogadores e corpo técnico, coma á directiva encabezada polo seu presidente, Iván Crespo.

A alcaldesa Digna Rivas, cos concelleiros Vicente Lamas e Nacho González (á esquerda na foto), o concelleiro Leonardo Cabaleiro e a concelleira Olga García Ballesteros, durante a recepción na Praza do Concello

Nas súas palabras a alcaldesa de Redondela salientou “a capacidade de sacrificio, de traballo e o compromiso co club e as súas cores, da que fan gala todos e cada un destes xogadores” e agradeceulles o feito de levar “con orgullo e alí por onde vaiades, o nome de Redondela”.

O concelleiro de Deportes, Nacho González, subliñou a importancia de competir na máis alta categoría que é o mesmo que “poñer ao Club Deportivo Choco e a Redondela, no mapa do deporte español e con nome propio”.