Sábado, 3 Maio de 2025

AporM denuncia que o Concello de Mondariz exclúe do ‘Campaverán’ a familias que coidan a persoas dependentes

“É a primeira vez que un alcalde de Mondariz exclúe aos nenos e nenas de Mondariz Balneario, unha decisión totalmente lamentable e equivocada” destaca Xoán C. Montes Bugarín

O goberno municipal de Mondariz vén de facer públicas as Bases que rexen a convocatoria para participar no Campaverán 2020 incluída no programa de conciliación persoal, familiar e laboral «Mondariz concilia»”. Alternativa por Mondariz denunciou que “quedaron fóra moitos nenos e nenas de Mondariz cuxos pais e nais coidan a persoas dependentes, que é un traballo en toda regra, aínda que non estea retribuído”, apuntou o portavoz de AporM, Xoán Carlos Montes Bugarín que engadiu que, “nesta situación hai moitas familias”. “Se un dos proxenitores traballa tampouco pode matricular aos seus fillos nesta actividade, o que constitúe unha inxustiza notable”.

Montes Bugarín chama tamén a atención sobre o feito de que no artigo 3 das bases, “por primeira vez desde que existe este programa hai máis dun lustro, exclúe aos nenos e nenas do Concello de Mondariz Balneario, que sempre tiveron as portas abertas desta actividade xa que a súa participación contribuía a financiala e facela viable tecnicamente, sen que isto supuxese a exclusión de ningún neno ou nena censado en Mondariz”.

O portavoz de Alternativa por Mondariz preguntará ao alcalde no próximo pleno ordinario se cre que con este tipo de políticas Mondariz ten futuro. “Mondariz e Mondariz Balneario son, a moitos efectos, un único concello; –afirma Xoán Carlos Montes Bugarín– compartimos servizos, actividades culturais e formativas, todo; por iso as políticas de exclusión e discriminación condenan a Mondariz a estar fóra da realidade”.

AporM asegura que o municipio “non merece un goberno que exclúe e pecha o paso ás familias que necesitan conciliar, senón un goberno que integre, que sume e dea facilidades a quen o necesita, máxime cando esta medida non supón ningún prexuízo para os censados en Mondariz”.

19 inscritos para 50 prazas

O pasado día 22, data na que remataba o prazo para inscribirse, o Concello tiña rexistrados unicamente a 19 solicitantes, cando o número tope de participantes é de 50, segundo as mesmas bases. Esta pobre inscrición acredita, en opinión de Montes Bugarín, “que a decisión do alcalde e o goberno municipal de Mondariz foi equivocada, polo que deben rectificar xa”.