Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela manterá pechados os parques infantís e áreas biosaudables

A alcaldesa Digna Rivas lamenta que o Goberno do PP volva a tomar medidas “absolutamente improvisadas que afectan aos concellos pero, como é habitual, sen contar cos concellos”.

O Concello de Redondela manterá pechados os parques infantís e zonas biosaudables do municipio ata que se estuden, por parte dos técnicos municipais, as posibilidades da súa apertura paulatina e controlada, unha apertura que “dende logo non é a que propón a Xunta de Galicia, dun día para outro, adoptando medidas que afectan aos concellos pero, como é habitual, sen contar para nada coa opinión dos propios concellos”, asegurou hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Rivas criticou a “improvisación” de que fai gala a Xunta do PP logo de estar “literalmente desaparecida durante un estado de alarma no que os concellos tivemos que asumir competencias que non eran nosas para non deixar desprotexidos aos nosos veciños e veciñas”.

Cómpre sinalar que as normas publicadas no Diario Oficial de Galicia establecen, entre outras cousas, a desinfección diaria das zonas de xogo, limitación de aforo con 4 metros cadrados por cada neno ou nena e colocación de dispensadores de hidroxel.

Todas estas medidas, non se poden levar a cabo en dous días aínda que “lamentablemente –afirmou a alcaldesa redondelá– xa comezamos a estar acostumados a unha Xunta que dita normas dun día para outro pero sen poñer os medio necesarios para que poidan ser cumpridas e sen contar, en absoluto, coas limitacións orzamentarias e de persoal que teñen as administracións locais”.

Chama a rexedora local “á responsabilidade das nais e pais que, ata o de agora, amosaron un comportamento exemplar durante o confinamento” e adiantou que o concello irá abrindo, “de xeito paulatino e estudado” as distintas áreas infantís para que, unha vez que poidan ser utilizadas por nenos e nenas “conten con todas as garantías sanitarias”.

Asemade, Digna Rivas fixo un chamamento a que non se retiren os precintos dos parques infantís e zonas biosaudables, como sucedeu no dia de onte, ata que o faga o Concello xa que, entón, poderán ser utilizadas ditas áreas “con todas as garantías para a saúde dos nosos nenos e nenas”.