Sábado, 3 Maio de 2025

AporM solicita ao goberno local a “reactivación inmediata” da Feira dominical de Mondariz

Xoán Carlos Montes Bugarín considera este evento como un “elemento dinamizador” da economía e o comercio local

Alternativa por Mondariz presentou, o pasado día 18 de maio, un escrito no rexistro xeral do Concello no que solicita ao Goberno local que “se reactive de maneira inmediata a Feira dominical sempre, sinala, “delimitando os espazos para respectar as distancias e garantir a vixilancia e seguridade de todas e todos os asistentes”.

Lembra o portavoz de AporM, Xoán Carlos Montes Bugarín, que dende o pasado día 8 de maio o Goberno estatal autorizou a realización das feiras de produtos agrícolas “e foron varios os Concellos que xa reactivaron de novo a realización das súas feiras, con todas as medidas de seguridade esixidas”.

Esta circunstancia, sinala Alternativa por Mondariz, podería facer que “a nosa veciñanza comece a asistir ás Feiras a outros Concellos”, e que pouco a pouco, vaian creando un hábito que prexudique os intereses económicos de Mondariz.

Ao mesmo tempo, salienta AporM que os vendedores e vendedoras ambulantes levan dous meses sen poder saír a vender e, no caso de non reabrirse a feira dominical, “córrese o risco de que os e as ambulantes véxanse na obriga de solicitar postos noutras feiras e probar outros mercados, co perigo que iso supón para Mondariz”.

Xoán Carlos Montes lembra “a mala experiencia” vivida polo municipio non hai moito co desabastecemento da farmacia. Foron moitos os veciños e veciñas que ao mesmo tempo que ían a buscar os medicamentos a outros municipios “facían alí as súas compras o que supuxo un enorme prexuízo para o noso comercio”.

Aos comerciantes locais, engade, “custoulles recuperar a eses clientes, que pouco a pouco, ían creando un hábito de compra noutro Concello”. Nese sentido, Xoán Carlos Montes subliña o feito que a Feira dos domingos ofrece diferentes servizos a toda a veciñanza de Mondariz sen ter que desprazarse a outros Concellos, “o que favorece que o resto da compra tamén a realice no pobo”.

Doutra banda, e a maiores do valor turístico que ten e que sitúa a Mondariz como referente os domingos a nivel comarcal e incluso provincial, a Feira dominical “é un importante elemento dinamizador da economía e do comercio local” e supón unha oportunidade para “para atraer novos clientes”.

Por último, Xoán Carlos Montes chama a atención sobre o feito que, afortunadamente, o Concello de Mondariz “non é un Concello que represente un foco de infección do COVID-19 que poida supoñer poñer en risco a veciñanza coa realización da Feira dominical”.