Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela leva repartidas máis de 12.000 máscaras de protección entre o comercio de todo o municipio

O Concello de Redondela ven de rematar a distribución de máscaras cirúrxicas entre todos os comercios do municipio de cara a que poidan retomar a súa actividade coa maior seguridade posible. Para ese fin distribuíronse máis de 12.000 máscaras de protección nunha iniciativa enmarcada na campaña de protección e concienciación ‘Faino por Todxs’ Redondela Segura.

Nesa mesma liña, a comezos da vindeira semana rematará tamén o proceso de entrega de máscaras cirúrxicas á veciñanza do municipio, unha vez que o Concello de Redondela recibiu xa o resto das máscaras encargadas hai case que un mes e que, explica o Goberno local, “supuxo un enorme esforzo dados os problemas que as empresas subministradoras tiñan para facer fronte á enorme demanda”.

A entrega deste material de protección a veciñanza estase a realizar por correo nos maiores núcleos de poboación –Redondela e Chapela– mentres que nos núcleos rurais, realízase ‘porta a porta’ por parte dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salientou a importancia desta actuación que permite, dixo, “que a cidadanía poida contar cos elementos de protección necesarios para afrontar a Fase 1 da forma máis segura”.

A rexedora local insistiu, como o ven facendo ao longo destes días, na necesidade “de extremar as medidas de prevención” xa que a entrada na Fase 1 pode xerar unha “falsa seguridade e pensar que todo pasou cando o certo é que a COVID-19 segue aí”.

Ese é precisamente o obxectivo da campaña ‘Faino por Todxs’ posta en marcha polo executivo local. É, explica Rivas, “unha chamada de atención para non baixar a garda e, ao mesmo tempo, unha guía de actuación para combater o coronavirus da única forma que se pode facer: a prevención a través do cumprimento dunhas normas básicas de seguridade”.