Sábado, 10 Maio de 2025

O programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación, SmartPeme, pon en marcha outros sete obradoiros online

Entre este luns e o 30 de abril están dispoñibles cursos sobre intelixencia artificial, técnicas de marketing ou xestión redes sociais

Ante a situación derivada polo COVID-19, a Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, o seu programa de asesoramento tecnolóxico, oferta esta semana sete novas accións formativas impartidas de xeito online. Debido ao suspenso das actividades formativas presenciais, se está a desenvolver unha carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións formativas, que contan con 10 prazas cada un, versan sobre xestión de redes sociais ou blogues, ferramentas para a mellora da web, ciberseguridade, copywritting, ferramentas para empresas turísticas, promoción das empresas ou técnicas de marketing.

Deste xeito, hoxe luns 27 de abril tiña lugar “Promociona o teu negocio con Google My Business”, con Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, e “Optimización de imaxes: mellora a velocidade da túa web”, con Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico como profesora. Pola súa banda, mañá martes, Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, impartirá “Como vender en Vinted”.

En canto ao mércores 29 de abril terán lugar dous novos obradoiros, “Como vender os teus produtos nun marketplace”, impartido por María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, e “Como mellorar a reputación online do teu establecemento turístico”, por Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas pola Universidade da Coruña.

Por último, o xoves 30 de abril impartirase o obradoiro “Vende os teus produtos en Facebook e Instagram“, con Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas, e “Intelixencia artificial: que é e como funciona“, impartido por Manuel Freire, experto universitario en Robótica.