Domingo, 4 Maio de 2025

Redondela subministra máscaras protectoras ás farmacias para persoas en situación de alto risco

Trátase dunha primeira entrega de mascaras de protección FFP1 homologadas destinadas “á protección dun sector moi vulnerable da poboación”

O Concello de Redondela vén de distribuír, entre a totalidade de farmacias do municipio, máscaras homologadas de protección FFP1 destinadas ás persoas consideradas “de maior risco ao COVID-19 por padecer problemas respiratorios, cardíacos ou na franxa de idade de maiores de 70 anos”.

O Goberno redondelán, logo de manter reunións cos responsables de todas as farmacias do municipio, optou porque sexan estas as que distribúan ditas máscaras “ao considerar que as e os profesionais da farmacia son os máis cualificados para o seu reparto”. De feito, sinala a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “a gran maioría das farmacias tiñan xa un listado previo de persoas de risco, con diversas patoloxías, que estaban a espera destes elementos de protección que agora proporciona o Concello”.

[su_image_carousel source=”media: 14124,14125,14126″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Trátase, explica o Goberno local, “de adoptar medidas para protexer, nestes momentos, a aqueles e aquelas que máis o precisan”. De feito, sinala o executivo redondelán, “non foi doada a adquisición de mascaras de protección homologadas” polo que, a medida que se vaian facendo novas compras, ampliarase o seu ámbito de distribución “dependendo tamén da evolución da crise sanitaria do COVID-19 e seguindo as indicacións tanto da Xunta de Galicia como do Goberno da nación”.

Digna Rivas quixo expresar ás farmacias de Redondela e ás e os seus profesionais, polo interese amosado nesta iniciativa “dende o primeiro momento, conscientes da importancia que esta iniciativa ten para as persoas máis vulnerables dende o aspecto sanitario”.