Domingo, 4 Maio de 2025

De vagariño faise mellor o camiño

De sobra é coñecido que pasamos por unha situación totalmente inusual, excepcional e imprevista e como tal temos que actuar de xeito igual de excepcional para o que viña sendo o noso “normal” xeito de vida. E o primeiro e primordial é tomarnos a vida dun xeito máis pausado, reflexivo e empático (isto é especialmente importante).

O Goberno, os medios informativos e incluso a sociedade civil está a empregar dun xeito moi habitual o símil de “estado de guerra”. Se realmente estamos convencidos de que isto é o máis parecido a un proceso bélico, ¡¿realmente a alguén en momentos así se lle pasaría pola cabeza pensar en se a volta ás clases vai a ser a tempo de rematar o curso, de poder avaliar ou de ter ferramentas para promocionar ao seguinte curso?! ¡Sería de tolos!, ¿non si?. Pois sexamos coherentes, sensatos e empáticos:

  • O primeiro co alumnado que está a ser a pata máis feble deste proceso no que dificilmente se está a medir dun xeito preciso as consecuencias que lles está a carrexar todo isto. Quizais non afloren en moitos casos ata pasado un tempo e agardemos que non sexan de moita importancia.
  • O segundo cas familias que están pasando por infinidade de realidades distintas e igual de estresantes nos seus diversos escenarios diversos, que importante verba en calquera circunstancia e moito máis agora)
  • O terceiro cos mestres e equipos directivos que están a vivir unha circunstancia igual de nova e excepcional e se atopan cal tripulación dun pesqueiro no medio dunha treboada e sen parte meteorolóxico co que guiarse de cando e por onde virán ventos máis amigables.
  • E por último non quero ser menos empático coa administración pese a que nestes momentos deberan e deben ser o faro que nos serva de guía. Entendo que a situación lles estea desbordando como a calquera outro pese a que se lles presupón que teñen que ter os arrestos para facer o posible para levarnos a bo porto a toda a poboación.

Está ben claro que as cousas son sempre mellorables e que nalgún momento haberá que sentarse e avaliar cales decisións foron erradas ou acertadas e responsabilizar a quen corresponda pero agora, tal e como “veñen dadas”, o que toca é sumar e tratar de arrimar e aportar solucións máis que críticas. E se é preciso facer algunha crítica, que sexa para xustificar o porqué dalgunha achega que sirva de solución a algún problema concreto. Nós, as familias, estamos preparadas para arrimar o ombreiro e aportar a nosa análise da situación no ámbito do ensino pois o estamos a vivir dun xeito moi directo. Gostaríanos que se nos escoitase e tivese máis en conta e que non se nos mire coma ao inimigo se non coma a observadores privilexiados de realidades que a propia tempestade impide ver a quen tenta manter o rumbo da nave.

As nosas achegas non tenta sacar as cores a ninguén se non dotar de ferramentas á administración e reforzar as propias consideracións que ben seguro as propias direccións de centros e mestres estarán achegando. Non estamos para denunciar se non para aportar datos que sirvan para, dun xeito construtivo e colaborativo, atopar solucións para un futuro próximo e facer do noso ensino público unha versión mellorada de si mesmo.

E falamos dun futuro próximo porque estamos convencidos de que o presente curso xa deu de si todo o que pode dar e temos que pornos a traballar TODOS XUNTOS en artellar un vindeiro curso tamén excepcional pois terá que recuperar o lapso de tempo que esta crise nos está a arrebatar. Canto antes asumamos esta ineludíbel realidade, antes atoparemos o mellor xeito de enfrontarnos a outro curso atípico tendo moi en conta que temos que estar preparados para unha posíbel repetición de escenario.

Dende a Fanpo e por extensión dende todas as federacións que integran a Confederación de Anpas Galegas estamos agardando cos brazos abertos que se nos teña en conta e se nos escoite non máis que a ninguén pero tampouco menos pois coma di o slogan de moda: Disto sairemos todos xuntos, pero de vagariño para non atropelarnos e sen máis demoras para non chegarmos tarde. Asemade estamos non só abertos á unión de tódas as partes implicadas e axentes sociais para facermos unha petición conxunta á Consellaría en pro de comezar a programar o vindeiro curso nos seus diversos escenarios posibles.