Martes, 13 Maio de 2025

O PSOE de Ponteareas lamenta que o PP “amose a súa cara máis antidemocrática” con motivo da folga estudantil do 6 de marzo

A folga estudantil convocada para o vindeiro 6 de marzo con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, vén de amosarse como un novo motivo de enfrontamento entre o PSOE e o PP logo de que as Novas Xeracións populares cuestionasen “o dereito á folga e a información que os sindicatos estudiantís difunden nos centros esducativos”.

A folga, lembra o presidente da Xestora socialista ponteareá, Alfonso Porto, “constitúe unha medida máis de apoio contra a violencia machista, que no que vai de ano leva xa a frioleira cifra de 14 mulleres asasinadas”. Lamenta Porto que o PP “fale de adoutrinamento ante unha folga feminista que trata de amosar a necesidade de que todos xuntos loitemos porque non sigan asasinando a mais mulleres no noso país”.

“O Partido Popular parece que perdeu o rumbo e vai sen control, –afirma Alfonso Porto– falando absolutos dislates que deixan relucir o espírito ditatorial e antidemocrático dos seus dirixentes e integrantes”, e amosa a súa esperanza que o Partido Popular “reflexione e retire as verbas ferintes para todo o alumnado e xuventude do noso pobo, ao que non dubidan de tachar de manipulables e carentes de pensamento crítico”.

Para o Partido Socialista a “xuventude da nosa vila é valor en alza, preparada, consciente dos problemas da nosa sociedade e implicada na súa solución, moi a pesar do pensamento do Partido Popular”.