As oficinas do programa ‘SmartPeme’ da Deputación de Pontevedra en Ponteareas e O Porriño desenvolverán durante este mes de marzo novas accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade.
Deste xeito, ‘SmartPeme’ oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.
En Ponteareas, as catro accións levaranse a cabo no Centro de Desenvolvemento Local, en Lomba do Cruceiro 5, Ribadetea. Estas comezarán o martes 3, de 19:00 a 21:00 horas, cun obradoiro de Como utilizar Instagram para promover a túa empresa. O martes 10 de 18:00 a 20:00 horas continuarán con Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais. O seguinte martes 17 de marzo de 18:00 a 21:00 horas será a quenda de O teu plan de marketing dixital paso a paso. E, por último, o martes 24 de marzo realizarase un taller titulado Como introducirse no mundo comercial, de 18:00 a 21:00 horas.
Por outra banda, no Porriño as catro accións formativas serán: Motores de reservas para empresas turísticas, o xoves 5 de marzo de 17:00 a 19:00 horas; Aprende a usar correctamente Facebook para empresas, o martes día 10 de 19:00 a 21:00 horas; Vídeo co teu smartphone: Crea, grava e edita como un profesional, o martes 17 de 18:00 a 20:00 horas; e, por último, o xoves 26 de 19:00 a 21:00 horas será a quenda de Aprende a elixir as palabras clave para a túa estratexia SEO e SEM. Estes obradoiros desenvolveranse no Multicentro do Concello de Porriño (Ribeira s/n, Torneiros).
Cómpre lembrar tamén que a nova sede da Deputación en Vigo, na rúa Chao, 17, acollerá cinco obradoiros. Fotografía de produto: todo o que debes saber terá lugar o martes 3 de marzo de 18:00 a 20:00 horas; Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest, o martes día 10 de 19:00 a 21:00 horas; Aspectos legais que toda páxina web debe ter, xoves 12 de marzo de 19:00 a 21:00 horas; Como ser eficiente na organización do teu tempo: Trello e TOGGL o luns día 16 dende as 16:00 ata as 18:00 horas e, por último, Aprende a usar correctamente Facebook para empresas, o martes 24 de marzo tamén de 19:00 a 21:00 horas.
As inscricións para tomar parte nestas accións formativas pódense facer a través da app, no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico [email protected] ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.