Domingo, 4 Maio de 2025

O Goberno de Redondela reafírmase na “inexistencia” de proxecto para a reforma da Avenida Mendiño

O executivo local asegura que hai meses a Xunta confirmou que “o proxecto está en proceso” e non redactado como aseguraba Ethel Vázquez en febreiro de 2019

O Goberno local de Redondela, que preside Digna Rivas, reafirmouse hoxe en que “a reforma da Avenida Mendiño, non ten proxecto redactado por moito que a conselleira Ethel Vázquez así o afirmara en febreiro de 2019 ante unha infografía da actuación”.

Despois de dous requirimentos por escrito á Consellería correspondente, o Goberno segue a espera de información sobre o estado de tramitación do expediente. Estes requirimentos enviáronse hai máis de 5 meses e ían acompañados dun informe emitido por un técnico municipal no que se manifestaba “a urxencia desta actuación” debido ao mal estado das beirarrúas e falta de iluminación dunha avenida moi transitada por ser zona de paso de centros de escolares, usuarios do centro de saúde e demais servizos.

O certo, sinala o executivo redondelán é que a propia Xunta confirmou extraoficialmente ao Concello, polo mes de xullo, “que o proxecto estaba en proceso” e polo tanto confírmase que cando a conselleira de Infraestruturas aseguraba en febreiro de 2019 “que estaba redactado e que as obras comezarían no pasado verán” ou ben “estaba mentindo ou ben mentíronlle a ela”, en calquera caso, “nin existía proxecto daquela, nin existe hoxe, nin existe convenio asinado entre ámbalas dúas administracións porque, para iso, faría falta o antedito proxecto”.

Considera “grave” o Goberno local que tanto a conselleira como a portavoz do PP en Redondela, “acusaran á Alcaldía de Redondela de mentir sobre este tema” cando agora demóstrase que ditas acusacións “non eran máis que un intento de fuxir cara adiante”.

“O tempo que sempre da ou quita razóns –di o Goberno de Redondela– demostra unha vez máis que o anuncio feito con gran despregue de medios, non era máis que un anuncio electoralista que, meses despois, queda en total evidencia”.

Digna Rivas asegurou que esixirá á Xunta de Galicia “o cumprimento dos compromisos que adquiriu con Redondela e coa súa cidadanía” e lamenta que o PP local “en lugar de defender os intereses dos seus veciños e veciñas, limítese a obedecer o que lle mandan dende Santiago, antepoñendo os interese partidistas ao benestar da veciñanza”.