Sábado, 3 Maio de 2025

O BNG redondelán considera “vergoñento” o ninguneo do Concello co alumnado do IES Mendiño

O BNG de Redondela trasladou tanto ao ao alumnado coma ao profesorado do IES Mendiño os seus parabéns por terse implicado “decididamente para poder participar neste Certame de Debate” ao mesmo tempo que rexeitan “actitude manifestamente hostil do alcalde, Javier Bas ante a negativa a colaborar con este grupo de alumnos e alumnas, e profesorado”.

O BNG salienta o feito que os gastos do traslado á capital da provincia para particirpar no encontro ,“asumírono en grande parte as familias, ademáis de aportacións económicas do propio profesorado”. Consideran “vergoñento que o noso fose o único Concello que non colaborou neste certame”.

Para os nacionalistas trátase dun feito de enorme gravidade, centrando as súas críticas no alcalde, Javier Bas, “ quen asumíu a área de normalización lingüística, e en ningún momento quixo saber do tema”. Recordan que “non foi o BNG quen se creu o discurso de que o PP de Redondela é diferente, tamén co idioma, facilitando que goberne en minoría”.

Acrecenta as súas críticas o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, pois hai un mes Redondela adheríuse á Rede de Entidades Locais pola Lingua Galega, organizadora deste evento escolar. “Xa advertimos, que a Javier Bas únicamente lle interesaba a publicidade. Agora demóstranse as nosas sospeitas, pois o Certame claramente entra dentro das finalidades da Rede”.

Esixen dende o BNG que o alcalde preste todo o apoio económico necesario para que o alumnado do IES Mendiño, poida continuar participando neste Certame. Sinalan que “pouco queda para que en Redondela se volva a traballar dende a base pola posta en valor, e dignificación do galego, ao dar por finiquitado o periplo do PP no goberno do noso concello”.