O CPI Arquitecto Palacios de Panxón festexou esta mañá o aniversario de Rosalía de Castro (24.02.1837) co concerto de arpa de Rodrigo Romaní Blanco, fundador de Milladoiro e da orquestra Sondeseu. Esta iniciativa, na que colaborou o Concello de Nigrán, contou cun público de máis de 500 alumnos do propio CPI, o CEE de Panxón, CEIP Mallón e IES Val Miñor (estudantes da ESO).

Romaní, acompañado doutra arpista, cantou e musicou en directo poemas de Rosalía como Campanas de Bastabales. Para finalizar, alumnos de flauta do CPI Arquitecto Palacios interpretaron conxuntamente con Romaní Negra Sombra. Cada ano este centro educativo de Panxón ofrece un concerto adicado ao Día de Rosalía, como foi o de Uxía Senlle no 2019.

Romaní no ano 1978 participou no primeiro Festival do Mundo Celta de Ortigueira, no que tamén actuaron Antón Seoane e o grupo Faíscas do Xiabre, que ese mesmo ano se unirían para formar o grupo de música folk Milladoiro, do que foi membro durante 22 anos. A partir do 2000 comezou a publicar discos en solitario: Albeida (2000), Cuantos Caucanos (2003) e As arpas de Breogán (2012).

É multiinstrumentista con especial predilección pola guitarra, o bouzouki, a ocarina e, sobre todo, o arpa; sendo o introductor, xunto con Emilio Cao, da arpa céltica no repertorio da música folk galega. Foi profesor deste instrumento no Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo.