Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz xa ten «luz verde» para rematar as obras do centro urbano

A empresa adxudicataria das obras de humanización na contorna do centro urbano de Mondariz, paralizadas dende xuño de 2019, retomou a súa actividade o xoves, horas despois de que o Concello de Mondariz recibise unha resolución do Servizo de Cooperación da Deputación de Pontevedra dando conformidade ao proxecto técnico modificado.

O alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, pediu en nome do seu Goberno “desculpas á veciñanza pola incomodidade que supuxo a paralización das obras” e lembrou que esta situación “foi provocada pola mala xestión política do proxecto na etapa inicial e que, pola nosa parte, sempre actuamos con responsabilidade: fomos dilixentes de cara á administración e transparentes de cara á veciñanza”.

Barros explicou que Os “múltiples cambios” efectuados sobre o proxecto autorizado inicialmente pola Deputación de Pontevedra “obrigaron a paralizar as obras e redactar unha actualización do proxecto para non pór en risco o seu financiamento”.

“Neste arduo camiño burocrático para acadar unha resolución favorable da Deputación que nos permitira rematar as obras atopámonos a última hora coas obxeccións da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia polos tipos de materiais utilizados na rampa de Merouces”, engade o alcalde de Mondariz.

As obras, enmarcadas no Proxecto de Actuación Integral para a Mellora da Mobilidade e Seguridade Viaria na Contorna do Centro Urbano e Equipamentos de Mondariz que financiou a Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan DepoRemse, foron promovidas e iniciadas polo anterior Goberno a principios de 2019. Afectan ás céntricas rúas de Concepción Arenal e Merouces, así como á baixada cara a avenida do Grupo Escolar, onde se localizan a Casa do Concello, o Centro de Saúde, o Centro de Día, a Biblioteca Pública Municipal e o CPI de Mondariz.

Segundo o Concello de Mondariz, durante o transcurso das obras realizáronse modificacións tales como a redución ou eliminación de elementos de humanización (árbores, farois, papeleiras,…) nunha parte da rúa Concepción Arenal, a instalación de lastra sobre formigón en lugar de sobre area ou a introdución dunha instalación para a recollida de augas pluviais que non aparecía no proxecto inicial. Por outra banda, na adxudicación aceptáronse melloras engadidas moi precarias que están a ocasionar problemas no tránsito de autobuses e outros vehículos durante as horas puntas na avenida do Grupo Escolar e na praza de Merouces.

Tralas modificacións realizadas durante o transcurso das obras, antes da súa paralización temporal, o importe do proxecto aumentou un 14,99 % respecto ao prezo de adxudicación, alcanzando un custo total de 222.496,80 €.