Martes, 18 Marzo de 2025

Redondela coas bandeiras a media hasta e dous días de loito oficial polo pasamento do exalcalde Amado Ricón

O Concello de Redondela vive hoxe a primeira xornada de loito oficial, das dúas decretadas polo Goberno Local como mostra de condolencia polo pasamento, aos 86 anos de idade, do exalcalde Amado Ricón Virulegio. Durante a xornada de hoxe e a de mañá, as bandeiras da Casa do Concello estarán a media hasta e suspéndense todos os actos oficiais organizados polo concello redondelán.

No día de onte, a Xunta de Goberno local mantiña unha reunión urxente e extraordinaria trala que facían pública unha declaración institucional que reproducimos na súa integridade:

O Concello de Redondela, a proposta dos voceiros dos grupos políticos municipais e reunidos en sesión extraordinaria urxente de Xunta de Goberno Local no día de hoxe, 8 de agosto de 2019, fai pública conxunta e unánimemente a seguinte Declaración Institucional

  1. Ante o falecemento no día de onte de D. Amado Ricón Virulegio, exalcalde do Ilmo. Concello de Redondela, maniféstase o máis sentido pésame e condolencias pola súa perda, en especial aos seus familiares e achegados, pola súa traxectoria e dedicación ao Concello de Redondela
  2. Que por parte dos membros da Xunta de Goberno Local se garde un minuto de silencio en sinal de recoñecemento da figura do exalcalde D. Amado Ricón Virulegio.
  3. Como mostra de condolencia declara dous días de loito oficial, e polo tanto, que con carácter público e oficial se suspendan os días 8 e 9 do presente mes de agosto, todas as actividades organizadas polo concello en calquera das súas áreas, así como a actividade que non sexa a ordinaria do funcionamento dos servizos á cidadanía.
  4. Que ondeen a media hasta as bandeiras do Concello e nos centros oficiais do municipio e colocación dun crespón negro visible na fachada da Casa do Concello, con visibilización da declaración de loito oficial por os medios públicos a disposición do Concello.

Amado Ricón Virulegio, nado en Redondela, a foi alcalde de Redondela polo Partido Popular, entre os anos 1996 e 1999, desbancando da alcaldía, nunha moción de censura, ao socialista Xaime Rei quen voltaría á alcaldía na seguinte cita electoral.

Foi profesor da universidade de New York ata a súa xubilación, en 1992, data na que voltaba a súa terra natal para ser cabeza de lista, polo PP, á alcaldía da súa Redondela natal. Medalla Castelao en 1993, ocupou o sillón presidencial do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais e foi deputado delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra.