A alcaldesa do Concello do Porriño, Eva Garcia de la Torre, autorizou esta pasada semana á empresa GOC, Consultoría e Ingeniería a executar as catas e sondaxes precisas para o proxecto de supresión do paso a nivel no Porriño. Tratase do estudo xeotécnico a incluír no proxecto construtivo que acomete ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias). GOC foi a adxudicataria en unión temporal de empresas coa firma Proínte para a redacción do devandito proxecto.
Segundo a documentación presentada pola adxudicataria, o obxectivo é determinar a estrutura xeolóxica dos terreos, tanto na área do paso a nivel a suprimir como ao longo dos posibles puntos onde sexa construída a nova estación do ferrocarril, xa sexa ao norte ou ao sur do Porriño. Actualmente, os redactores do proxecto están a valorar ata seis alternativas diferentes.
Os traballos xeo técnicos a desenvolver, que comezarán a longo deste mes de abril e durarán como máximo dous meses, consistirán en ensaios, catas e sondaxes tanto na vía do tren como nos terreos lindantes e tamén nas estruturas atravesadas polo trazado que poderían terse afectado polo proxecto que se decida.
A alcaldesa manifestou hoxe que “é unha nova fantástica xa que é a primeira vez que se chega tan lonxe nesta arela da veciñanza para acadar a eliminación do paso a nivel polo centro do Porriño”. O inicio das catas amosa, segundo Eva Garcia, “a normalidade coa que se traballa no Concello pois máis aló do balbordo político, estamos a xestionar con tranquilidade e as cousas avanzan razoablemente ben para transformar Porriño nunha vila moderna e alegre>”, rematou.