Domingo, 4 Maio de 2025

Espazo Xove de Tui acolle, dende hoxe xoves, a mostra «ZOOM: do individuo á paisaxe»

A mostra colectiva de artistas emerxentes da Facultade de Belas Artes constará de dúas partes e alongarase ata o 17 de xaneiro

O espazo Xove de Tui acollerá a exposición de fotografía ZOOM: do individuo á paisaxe, do 26 de decembro ao 7 de xaneiro. A exposición constará de dúas partes que se sucederán cronoloxicamente: unha primeira do 26 ao 7, e unha segunda do 7 ao 17. 

A mostra recollerá as obras de artistas emerxentes da facultade de Belas Artes. Así, poderemos atopar fotografías de Anubis Muñoz, Ricardo Lede, Luzía Rúa, Emma Sotelo, Cristina Chiarroni, Emma Diarte, Sara Maneiro e Cora Novoa. Ademais, os comisarios organizadores de toda a exposición tamén serán alumnos da propia facultade (Sabela Rodrigues, Carla Rodríguez, Beatriz Paniagua e Samuel Rodríguez).

ZOOM: do individuo á paisaxe tratará o tema do corpo humano dende un novo punto de vista. No primeiro volume ofrecerase unha visión xeral do corpo e do individuo. No segundo, pola contra, poderemos atopar o corpo aumentado, descontextualizado. Así, a exposición propón un achegamento ás paisaxes e poéticas do corpo, mediante as súas formas e texturas. Trátase, en definitiva, dunha aproximación ao impersoal e trascendental. 

A inauguración terá lugar hoxe xoves, 26 de decembro ás 19:00 horas, e a exposición poderá visitarse ata o día 7, de luns a venres de 10:30 h a 13:30 h e de 16:30 h a 20:30 h (entrada de balde).