8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasAs tres universidades galegas consensúan coa Consellería non retomar as clases presenciais...

    As tres universidades galegas consensúan coa Consellería non retomar as clases presenciais neste curso 2019/2020

    A decisión tomouse tras confirmar o Goberno central que o Estado de Alarma se vai prorrogar ata o 26 de abril e que aínda podería alongarse máis. Consellería enviaralles ás universidades unhas instrucións comúns para asegurar a calidade do ensino a distancia e a equidade entre o alumnado

    A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López, e os reitores das tres universidades galegas, Antonio López (USC), Manuel Reigosa (UVigo) e Julio Abalde (UDC) reuníronse esta mañá por videoconferencia. No marco desta xuntanza consensuouse, tal e como solicitaron os tres reitores, manter o calendario académico sen retomar as clases presenciais neste curso 2019/2020.

    Esta decisión tómase tras confirmar o Goberno central que o Estado de Alarma se vai prorrogar ata o 26 de abril e que aínda podería alongarse máis. En calquera caso, a conselleira informou aos tres reitores de que desde a Secretaría Xeral de Universidades se lles enviarán unhas instrucións comúns para asegurar a calidade do ensino virtual. Así mesmo, acordouse xuntarse novamente a finais de abril para definir tanto o calendario como o modelo de avaliación, en función da evolución da alerta sanitaria. O obxectivo é consensuar unhas condicións comúns que aseguren a equidade de todo o alumnado galego, independentemente da universidade na que curse os seus estudos.

    Por outra banda, Carmen Pomar solicitou aos tres reitores que poñan en coñecemento tanto da Consellería como da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia as modificacións que se fagan nas guías docentes e que estuden de forma minuciosa coa ACSUG as posibilidades para abordar as prácticas en funcións das particularidades de cada titulación.

    Todas as partes coincidiron na necesidade de tomar todas as decisións no marco dun consenso e coordinación que permita ofrecer a maior certeza ao alumnado.

    ABAU extraordinaria

    Por outra banda, a conselleira informou aos reitores da ampliación das datas para a proba extraordinaria da ABAU ata o 17 de setembro, despois de que Galicia e outras CCAA o solicitasen na última Comisión Delegada de Política Universitaria.

    Con este novo calendario, a conselleira reuniuse tamén esta mañá con membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG, con representación das tres universidades) para fixar as datas da ABAU extraordinaria, que en Galicia se celebrará os días 15, 16 e 17 de setembro.

    Cómpre lembrar que, nunha reunión mantida o pasado 30 de marzo, a Consellería e a CIUG acordaron fixar nos días 7, 8 e 9 de xullo as datas da convocatoria ordinaria da ABAU en Galicia para este ano. Nas próximas semanas, e en función do que se acorde a nivel estatal, afondarase tamén no modelo de exame que, segundo coinciden CIUG e Consellería, debería ser similar ao habitual para darlle tranquilidade ao alumnado, que vén traballando sobre un determinado tipo de exercicios para preparar as probas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.