A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, asistiu hoxe á clausura do curso de ‘Auxiliar de operacións básicas de restaurante-bar’ para persoas con discapacidade intelectual, unha iniciativa promovida por ‘Aceesca’ e que se desenvolveu nas instalacións de ‘Porremeprego’.
Xunto a Angeles Leirós, xerente de Aceesca e a alcaldesa do Porriño, o acto de clausura tamén contou coa presenza de David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais e Emprego.

Hai tempo o Concello porriñes cedera a Aceesca o uso temporal da aula de restauración existente no Multiusos Municipal de Torneiros para que, dese xeito, se puidese levar a cabo a formación práctica de alumnado do centro de educación especial. A formación foi de 250 horas –dende febreiro ata hoxe– e participaron cinco persoas.
A alcaldesa trasladou a súa enhoraboa aos aprendices que superaron este curso e que a partir de agora realizarán prácticas en catro establecementos de hostalería da contorna, durante 150 horas máis, para completar a súa formación.