Domingo, 4 Maio de 2025

A Policía Local de Ponteareas vela polo cumprimento das normas da Alerta Sanitaria

Os axentes obrigan a pechar varios comercios abertos indebidamente e pide aos supermercados que controlen o aforo para evitar aglomeracións

A Policía Local de Ponteareas está velando polo cumprimento da alerta sanitaria decretada pola Xunta de Galicia e fai un chamamento á poboación “para evitar a aglomeración de persoas nos establecementos de alimentación”. Durante esta mañá as e os axentes constataron que “un grande número de persoas acudiron aos supermercados da localidade creando un risco para a saúde pública”.

A Policía Local lembra que estes establecementos están abertos “pero a permanencia nos mesmos deber ser a estritamente necesaria” evitándose aglomeracións e controlando que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida para evitar posibeis contaxios.

Os supermercados son espazos nos que o contacto masivo con elementos como carriños, produtos ou billetes e moedas incrementan as posibilidades de contaxio.

A Policía Local fai un chamamento a realizar as compras “de forma escalonada durante os vindeiros días” e recorda que o Goberno xa anunciou que non haberá problemas de desabastecemento.

Por outra banda, os axentes víronse obrigados durante a mañá de hoxe a pechar varios establecementos abertos indebidamente e a pedir aos responsabeis dos supermercados que controlen o aforo dos seus establecementos evitando a aglomeración no seu interior, se é preciso co apoio da propia Policía Local.

Por outra banda, a Policía Local está recibindo chamadas de cidadáns ante a apertura ao público doutros establecementos que prestan servizos como perruquerías. Neste sentido lembran que o decreto da Xunta só afecta de momento ao comercio retallista e ao catálogo de actividades recreativas (como bares, cafetarías, etc) e que servizos como perruquerías, entidades bancarias, despachos profesionais, etc… non están polo momento incluidos na orde de peche.

Por último a Policía Local “apela ao sentido común” e a seguir a consigna de non sair de casa agás en casos realmente imprescindibeis.

Peche das áreas infantís

Doutra banda o goberno de Ponteareas que preside Xosé Represas, ordeou o peche os parques públicos infantís poñendo, dese xeito, unha nova barreira á expansión do COVID-19. O Goberno aconsella seguir “todas as recomendacións e medidas que eviten a propagación do coronavirus” e pide a cidadanía “tranquilidade e responsabilidade” para que todo volva, o antes posible, á normalidade.