Domingo, 11 Maio de 2025

Sanidade mantén abertas diversas investigacións relacionadas coa venda ilegal de probas diagnósticas da Covid-19 na nosa comunidade

O departamento de Inspección Sanitaria inmobilizou material cuxa venda está prohibida en locais que non contan coa autorización sanitaria pertinente, e que só poden ser manipulados por profesionais sanitarios

A inspección de servizos sanitarios da Consellería de Sanidade ten coñecemento de mensaxes publicitarias e puntos de venda relacionados coa probas diagnósticas da Covid-19 (PCR, test de anticorpos,  antíxenos,…), realizados por entidades que non dispoñen de autorización sanitaria. Ao respecto Sanidade lembra que está prohibida a prestación de actividades sanitarias sen a debida autorización.

En aras de protexer á poboación de prácticas irregulares, o departamento sanitario galego subliña que, no ámbito clínico, só se poden realizar este tipo de probas nos centros de diagnóstico autorizados pola Consellería de Sanidade e rexistrados no Rexistro de Centros, Servizos e Establecementos Sanitarios.

Á marxe destes centros sanitarios autorizados, esta actividade sanitaria non ten garantida nin a súa seguridade nin a súa fiabilidade e, por tanto, desaconséllase a súa utilización, xa que non se verificou o cumprimento dos requisitos técnico-sanitarios esixidos para a súa autorización.

Neste tipo de probas, tanto a prescrición como a súa interpretación debe estar mediada por un profesional sanitario, para evitar que, unha mala interpretación do resultado, conduza a consecuencias negativas de calquera índole.

Para evitar eses danos, Sanidade remarca que está prohibido publicitar directamente ao público estes produtos sanitarios, por requirir que a súa aplicación sexa por parte de profesionais sanitarios.

En canto aos reactivos, produtos, materiais, instrumentos, etc. utilizados para a realización de probas diagnósticas co obxecto de detectar a infección por coronavirus, Sanidade lembra que son produtos sanitarios de diagnóstico in vitro, e para a súa comercialización en España deben de cumprir coa normativa establecida.

Na actualidade, os test para o diagnóstico da Covid-19 que se atopan no mercado europeo están indicados unicamente para ser usados por profesionais sanitarios. Ademais, teñen que estar provistos do marcado CE, distintivo que declara a conformidade do produto cos requisitos de seguridade, eficacia e calidade establecidos na lexislación, e que debe figurar na etiquetaxe e nas instrucións do produto e, en ningún caso, están clasificados como de uso doméstico.