17.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaRecomendacións do Areeiro para poda das viñas, froiteiras e plantas leñosas

    Recomendacións do Areeiro para poda das viñas, froiteiras e plantas leñosas

    A Estación Fitopatolóxica dependente da Deputación de Pontevedra advirte tamén da aparición dos primeiros niños brancos de procesionaria nos piñeiros

    A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de publicar unha serie de recomendacións para que agricultores, viticultores e cultivadores poidan ter en conta despois deste último mes de choivas e cando as previsións meteorólóxicas anuncian tempo seco para a vindeira semana.

    Neste senso, Rosa Pérez, do Departamento de Artrópodos e Control Integrado, advirte que a prevista baixada importante das temperaturas, especialmente as mínimas, non fai recomendables algunhas operacións, por exemplo as aplicacións de tratamentos con produtos de cobre, que non deben facerse por debaixo dos 8 graos centígrados. Amais, destaca que o uso de produtos fitosanitarios “non debe ser o único medio para procurar un bo estado sanitario dos cultivos senón que debe combinarse con outros (culturais, físicos, entre outros) dentro da estratexia global de control integrado”.

    Amais, a Estación fai diversas recomendacións para as podas das viñas, froiteiras e plantas leñosas en xeral. Sinala que desde o punto de vista fitosanitario, e tendo en conta que os cortes son vías de entrada dos fungos patóxenos da madeira, aquelas persoas que aínda non fixeran as podas deberían esperar a que haxa un período máis longo de tempo seco. Neste senso, as condicións de elevada humidade que haberá ata pasados un mínimo de 4 ou 5 días despois de que pasen estas precipitacións, serán favorables ás esporas destes fungos e polo tanto ás posibles infeccións.

    No caso de ter que facer podas obrigatoriamente por razóns de dispoñibilidade de tempo, as plantas enfermas que tiveran marcado no verán por ter observado síntomas daquelas patoloxías deben deixarse para o final. Ademais, debe procurarse non facer cortes de elevadas dimensións, nunca realizalos en horizontal e si o máis verticais posible, facelos sempre limpamente e sen rachos, e desinfectar as tesoiras cando menos entre planta e planta.

    Para a protección das feridas de poda en xeral, no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Medio Ambiente están autorizados dous: copolímero etilenovinílico 69%, para cítricos e froiteiras folla caduca, e piraclostrobin 0,5% + boscalida 1% para viña. Ademais, tamén hai produtos naturais, concretamente a base de Trichoderma spp, fungos antagonistas a diferentes fungos parasitos, que se poden empregar para defender ou protexer as plantas fronte a estes fungos prexudiciais. No citado rexistro están autorizados Trichoderma atroviride (cepa SC1) e Trichoderma atroviride (cepa I-1237), que deben ser aplicados nun prazo máximo de 2 semanas despois da poda. Por último, os restos das podas deben eliminarse para evitar problemas fitosanitarios.

    Outras recomendacións de Areeiro están relacionadas coa sanidade dos cultivos. Neste outono de choivas repetidas é conveniente arrancar as plantas secas (e retiralas das fincas e destruílas), e tamén segar a herba e evitar as acumulacións de auga na contorna do colo das plantas e na zona de influencia das raíces para limitar condicións favorables ao desenvolvemento de fungos patóxenos das raíces como Phytophthora spp. ou Armillaria spp. Para protexer as plantas fronte a estes parasitos tamén hai organismos de control biolóxico que se poden aplicar por pulverización ao solo como son Trichoderma asperellum (cepa ICC012) máis o Trichoderma gamsii (cepa ICC080) ou Trichoderma harzianum rifai (cepa T-22).

    No caso do buxo, a Estación Fitopatolóxica refírese á Calonectria pseudonaviculata (Cylindrocladium buxicola), para sinalar que algunhas sebes da provincia amosan desde hai unhas semanas as típicas manchas escuras que provoca nas follas, así como a aparición de liñas negras ao longo dos bordes cuadrangulares das ramiñas, e as subseguintes defoliacións producidas por este fungo. A EFA advirte que no control deste fungo son fundamentais as prácticas culturais de eliminación continua das follas secas caídas tanto nas plantas como no solo (debe retirarse tamén a capa superficial) ou a procura de condicións o máis ventiladas posible para as plantas. Estas prácticas poden facerse en momentos de claros entre períodos de choiva, e non telas feito nestes días provoca a situación actual dalgunhas sebes. E debido a que para a semana próxima o tempo previsto é seco, débese aproveitar para aplicar un tratamento, e antes de facelo haberá que proceder novamente á retirada dese material seco. En España segue sen haber funxicidas rexistrados para este uso, pero noutros países están autorizados xa os funxicidas kresoxim-metil e tetraconazol.

    Por outra banda, no que respecta ao piñeiro, xa se atoparon os primeiros niños brancos da procesionaria, que as eirugas desta praga forman para protexerse do frío invernal. Areeiro lembra que estes niños pódense formar non só en piñeiro senón tamén nos cedros. Polo tanto, e mentres hai poucos, poden eliminarse cortándoos con todas as precaucións posibles, xa que posúen pelos urticantes, que poden afectar, mesmo seriamente, ás persoas e a animais como os cans), e destruíndoos de xeito inmediato para evitar problemas futuros. Se os niños están a elevada altura na árbore é conveniente aplicar un insecticida a elevada presión.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.