Mércores, 30 Abril de 2025

Preto de 600 profesionais sanitarios incorpóranse ás listas de contratación temporal de persoal laboral da Xunta

O DOG publica hoxe as listas provisionais de admitidos e excluídos de forma anticipada e separada para responder ás necesidades derivadas da Covid-19.

Preto de 600 profesionais sanitarios incorpóranse ás listas de contratación temporal de persoal laboral da Xunta. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as listas provisionais de admitidos e excluídos, que se fai de forma anticipada e separada, para ter así unha maior dispoñibilidade de profesionais para facer fronte ás necesidades derivadas da Covid-19.

En total, foron 586 as solicitudes de incorporación a estas listas: 23 nas categorías de titulado superior médico e outras (grupo I, categoría 2); 63 para ATS e outras (grupo II, categoría 2); e 500 solicitudes para auxiliar de clínica e outras (grupo IV, categoría 3).

Consulta das listaxes

As listas provisionais poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, no Servizo de Atención e Información á Cidadanía, a través do teléfono 012; e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia. Os solicitantes disporán dun prazo de dez días hábiles desde hoxe, data da publicación das listas no DOG, para presentar reclamacións.

O nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios/as e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia está regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos. As persoas contratadas prestarán servizos en residencias de maiores,  centros de atención a menores ou persoas con discapacidade, centros para persoas con dependencia ou escolas infantís.