3.5 C
Pontevedra
Mércores, 6 de Decembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaO PSOE cualifica de "vergoñento" o envío da Xunta de material de...

    O PSOE cualifica de “vergoñento” o envío da Xunta de material de autoprotección aos concellos

    “Ridículo, vergoñento e insultante” son algúns dos cualificativos cos que o PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra cualificou o envío de material de autoprotección para os concellos da provincia de Pontevedra, realizado onte “a bombo e platillo” pola Xunta de Galicia.

    “Os alcaldes e alcaldesas de toda a provincia recibiron un “paquetiño” que contén material obsoleto, de pésima calidade e mesmo inservible, con algunhas máscaras rotas, outras caducadas dende 2015 e mesmo luvas non estériles ou de uso para perruquería”, sinalan as e os socialistas pontevedreses que consideran “unha auténtica tomadura de pelo nunhas circunstancias tan dramáticas como as que estamos a vivir nesta pandemia de COVID-19 e nas que, unha vez máis, os concellos se están a converter na primeira liña de batalla”. O PSOE esixe da Xunta de Galicia que se “non quere colaborar cos concellos, polo menos non tente utilizalos para a súa propaganda”.

    Alcaldes e alcaldesas fan unha apelación “á cooperación leal da Xunta de Galicia cos concellos nesta crise sociosanitaria causada polo COVID-19” e pregúntase cando vai aprobar o Goberno galego unha orde de axudas económicas imparciais e obxectivas para os concellos da provincia “semellante ás acordadas pola Deputación de Pontevedra, que creou unha partida con axudas específicas por valor de 1,3 millóns de euros e habilitou o adianto do 100% dos 4,2 millóns de euros de tódolos programas sociais e dos 21 millóns de euros da recadación tributaria do ORAL cun fondo de liquidez extraordinario”.

    Algúns exemplos do material distribuído onte: O Grove recibiu 80 máscaras e 450 luvas; O Porriño, 150 máscaras, 1.600 guantes, unhas gafas e dúas garrafas de lixivia; Tui, 100 máscaras e 550 luvas; O Rosal, 60 máscaras e 350 luvas; Tomiño, 100 máscaras e 650 luvas; A Guarda, 60 máscaras e 350 luvas; Ponte Caldelas, 50 máscaras e dúas caixas domésticas de luvas. E así ata completar a relación de concellos da provincia.

    Os alcaldes e alcaldesas lamentaron este novo desprezo da Xunta de Galicia “que cando hai unha situación de emerxencia, xa sexan os incendios de 2017 ou esta pandemia, nunca está”. Moitos insisten en que para o que mandaron “case era mellor que non mandaran nada porque hai cousas que hai que tirar directamente ao lixo e o pouco que vale dá para un día ou dous”.

    De feito, moitos dos concellos xa teñen adquirido ou conseguido material pola súa conta en mellores condicións e, sobre todo, en moita máis cantidade. O malestar agrávase polo feito de que os concellos de toda a provincia tiveron que recoller o paquete nas delegacións de Pontevedra e Vigo e asinar un acta de recepción. Algúns alcaldes e alcaldesas cuestionan mesmo que “merecera a pena o gasto en combustible”.

    Os socialistas pregúntanse para que serve o Posto de Mando Avanzado (PMA) que a Xunta de Galicia creou. “Un nome pomposo para un órgano oco toda vez que está presidido por dous políticos oficinistas, como José Manuel Cores Tourís e Corina Porro, cuxa función consiste en ser axentes electorais do PP na provincia aproveitando a súa condición baleira de delegados territoriais”. Acusan á Xunta de perverter o Plan de Emerxencias de Galicia (Platerga), que prevé estes PMA como verdadeiros mandos operativos no territorio en situacións de catástrofe “e non como chiringuitos de propaganda”.

    Finalmente, consideran “incualificable” o comunicado difundido onte pola Xunta, con foto incluída de Cores Tourís simulando facer estes “paquetes da vergoña” para os concellos e anunciando un reparto de medios por toda a provincia “que queda, na realidade, nunha entrega de refugallo”.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.