Domingo, 4 Maio de 2025

O proxecto ‘Ágora’, alineado cos obxectivos do Ministerio de Mobilidade e Axenda Urbana, pode acadar financiamento europeo

O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez reuniuse en Madrid co director xeral de Axenda Urbana Iñaqui Carnicero, de quen percibiu “moi boa receptividade” e “sintonía”

O proxecto ‘Ágora’ da Deputación para a recuperación de espazo público nos concellos da provincia está alineado cos obxectivos do Ministerio de Mobilidade e Axenda Urbana e será susceptible de conseguir financiamento europeo. Así o indican fontes ministeriais tras o encontro en Madrid do deputado de Mobilidade e Espazo Público da Deputación, Uxío Benítez, co director xeral de Axenda Urbana e Arquitectura do Ministerio de Mobilidade e Axenda Urbana, Iñaqui Carnicero.

Benítez mantivo a reunión en Madrid, na que tamén estivo persoal técnico de ambas administracións, co obxectivo de presentar o proxecto ‘Ágora’, obtendo “moi boa sintonía e receptividade”, xa que a Deputación de Pontevedra está a ser unha das institucións que está traballando a nivel estatal para recuperar espazo público para as persoas fronte ao vehículo privado.

Benítez lembrou que Ágora ten como obxectivo recuperar o espazo público nos concellos da provincia de forma cuantificable en números e co obxectivo de reverter a tendencia actual de ‘invasión’ dos vehículos a motor para que en 2023 o espazo destinado aos peóns sexa maioritario. Neste momento, dixo o nacionalista, Ágora ten adheridos 44 concellos, o 75% ámbito provincial, se ben hai outros que están a traballar para unirse á rede. En xeral, subliñou o deputado, os mandatarios locais están asumindo a necesidade de recuperar espazo público, agora con maior motivo debido á pandemia da COVID-19 e á urxencia de contornas seguras e amplas para manter a obrigada distancia física.

Con esta base, o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos Uxío Benítez, quixo dar a coñecer a iniciativa de primeira man aos representantes do Ministerio co fin de iniciar unha colaboración sostida entre administracións. A receptividade atopada foi total, xa que segundo confirmaron fontes ministeriais os obxectivos e os principios de ‘Ágora’ encaixan plenamente cos da Axenda Urbana Española e están “aliñados” coas actuacións e iniciativas que está desenvolvendo o Ministerio en relación á economía baixa en carbono.

Desde a Dirección Xeral lembraron que a Axenda Urbana Española impulsada polo Goberno estatal é a folla de ruta que vai marcar a estratexia e as accións para levar a cabo ata 2030, para facer de vilas e cidades “ámbitos de convivencia amables, acolledores, saudables e concienciados” elaborando para cada lugar candanseu propio Plans de Acción.

Neste sentido, Benítez lembrou os ‘Principios Ágora’, resaltando que o espazo público é un dereito da cidadanía, que as persoas teñen que ser as primeiras beneficiarias, que hai que apostar pola mobilidade sustentable, inclusiva, a autonomía infantil, as mobilidades alternativas, os espazos seguros, un hábitat saudable e espazos amables e de calidade, e que propicien unha actividade económica de proximidade.

Noutra orde de cousas, o deputado Uxío Benítez tamén presentou a Iñaqui Carnicero o proxecto para a construción dunha nova ponte peonil que una os concellos transfronteirizos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Destacou que se trata dun proxecto incluído dentro dunha Estratexia de desenvolvemento do territorio a medio prazo co fin de potenciar as súas singularidades e aumentar a calidade de vida da cidadanía miñota.

Tanto sobre ‘Ágora’ como sobre a ponte peonil, dende o Ministerio subliñaron que aínda que non pode existir un compromiso firme sobre posibles axudas para o financiamento, trátase de “proxectos alineados cos obxectivos do Ministerio e que poderían ser susceptibles de alcanzar fontes de financiamento europeo unha vez se definan os programas para canalizar ditos fondos”.

‘Concellos Ágora’

Unha vez pechado o prazo para formar parte da rede ‘Ágora’ e beneficiase das súas iniciativas, na comarca de Pontevedra adheríronse o concello de Pontevedra –de maneira simbólica-, Poio, Barro, A Lama, e Cerdedo Cotobade; da comarca de Caldas o concello de Caldas, Catoira, Moraña e Portas, amosando tamén o seu interese o Concello de Cuntis.

Na comarca do Morrazo a adhesión foi practicamente total, xa que aprobaron en Pleno ou por Xunta de Goberno os principios da rede e a adhesión os municipios de Marín, Vilaboa, Bueu e Moaña, só quedando fóra o concello de Cangas. Na comarca do Salnés a adhesión tamén foi global, xa que aprobaron en Pleno ou por Xunta de Goberno os principios da rede e a adhesión os municipios de Vilagarcía, Sanxenxo, O Grove, A Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño e Meis.

No caso da comarca de Vigo a participación foi formalizada por Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Soutomaior, Pazos de Borbén,  Fornelos de Montes, Nigrán, e Gondomar quedando fóra Redondela, Baiona e o concello de Vigo. Na comarca do Baixo Miño hai pleno de integración na rede, con Tomiño, O Rosal, Tui, A Guarda e Oia, e no Condado-Paradanta aprobaron formalmente a participación no proxecto os municipios de Ponteareas, As Neves, Salvaterra, Arbo, Covelo e Crecente.

No caso das comarcas do Deza-Tabeirós a adhesión foi aprobada pola metade dos concellos, incorporándose Silleda e Vila de Cruces, e tamén A Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade, coas ausencias de Lalín, Agolada, Dozón e Rodeiro.