10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO programa da Deputación "Tornar ás Táboas" chega cargado de cultura e...

    O programa da Deputación “Tornar ás Táboas” chega cargado de cultura e deporte

    Amais dos espectáculos a cargo de Tanxarina e Xarope Tulú en Salvaterra e Forcarei, a Deputación ten ata o domingo unha decena de actividades culturais e deportivas en Marín, O Porriño, Gondomar, Tui, Lalín, Oia e Barro

    A Deputación de Pontevedra reafirma o seu apoio á cultura e o deporte e o seu obxectivo de facelos chegar a todos os recunchos da provincia coa programación dunha decena de novas accións en nove concellos da provincia. Nesta ocasión serán os concellos de Marín, O Porriño, Gondomar, Tui, Lalín, Salvaterra de Miño, Forcarei, Oia e Barro os que acollerán actividades dos programas provinciais “Historias Cavadas”, “Rutas de Arquitectura”, “Roteiros literarios”, “Rías Baixas Film Fest”, “Musigal”, “Depo Orienta”, “Bosques Terapéuticos” e “Tornar as Táboas”, o gran protagonista desta última fin de semana de setembro.

    A declaración de vontade da Deputación para que o teatro volva aos escenarios comezou o pasado mércores 22 con “Tornar as Táboas”, e ofrece outras dúas oportunidades de gozar dos seus espectáculos no que queda de semana. Así, o sábado 25, ás 18.00, será a quenda de “Titiricircus”, da compañía Tanxarina, en Salvaterra de Miño; e, o domingo 26 á mesma hora, a de “Rilla Rilla”, a cargo de Xarope Tulú en Forcarei. Pola súa banda, as “Historias Cavadas”, que xa teñen esgotadas todas as súas prazas, teñen unha nova cita no calendario este venres 24 ás 19.00 no Castro da Subidá, en Marín.

    A segunda das “Rutas Arquitectónicas” terá lugar este sábado 25, ás 10 horas, e arrancará na Galiña Azul, en Oia, para ofrecer a continuación un interesante itinerario polo Mosteiro de Santa María de Oia, a Igrexa de Santa María da Guarda, o Castelo de Santa Cruz e a Fortaleza de San Lorenzo de Goián. No caso dos “Roteiros Literarios”, será Salvaterra de Miño o concello que acolla “Versos de Auga e Viño”, que partirá ás 11.30 do paseo fluvial do municipio para dar a coñecer da man de Raquel Castro as lecturas e lugares máis significativos do municipio do Miño. Amais, ata o domingo celebrarase en Tui “Play-Doc”, a última parada do mes dos “Rías Baixas Film Fest”. Ata decembro, o emblema audiovisual da marca provincial completará o seu cartel co “Festival de Cine Inclusivo” (12-16 outubro), “Galician Freaky Film” (29-2 outubro) e “Novos Cinemas” (14-19 decembro). “Musigal” contará nesta ocasión con dúas novas paradas, ambas o sábado 26. As 19.00 será o momento do grupo Burgas Big Band en Gondomar e, ás 21.00, o de Tanxugueiras no Porriño. No eido do deporte a semana remata con dúas experiencias. O sábado 25 ás 10.00, enmarcada no programa “Bosques Terapéuticos”, a Fraga de Catasós, nos arredores de Lalín, protagonizará unha ruta que esconde carballos e castiñeiros centenarios protexidos baixo a figura de monumento natural. Finalmente, este domingo “Depo Orienta” propón unha nova vivencia no Monte do Acibal, en Barro, na que os seus/as participantes deberán realizar, no menor tempo posible e a contra reloxo, un percorrido marcado por puntos de control coa única axuda dun mapa.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.