A Deputación de Pontevedra, a través do seu Plan Estratéxico de Deporte, vén de rematar o acondicionamento anual de 88 campos de fútbol da provincia de Pontevedra, dos que 61 corresponden a instalacións de herba sintética e os 27 restantes a canchas de herba natural. Esta actividade está encadrada dentro do programa de mantemento posto en marcha no ano 2017 polo Goberno que preside Carmela Silva para axudar ao concellos na atención aos terreos de xogo.
Os traballos foron realizados por operarios especializados auxiliados por maquinaria adecuada e abordados atendendo tódalas solicitudes dos concellos interesados. O programa ten por obxectivo garantir a recuperación destes espazos que na súa totalidade acollen competicións deportivas de fútbol e/ou atletismo e, a consecuencia do seu uso intensivo, precisan de traballos de mantemento.
No caso dos terreos artificiais procedeuse ao cepillado e descompactación da superficie por medio dun utensilio suspendido dun tractor. Esta operación permite tamén unha limpeza e mellora das prestacións do tapete coa achega de caucho. Ao realizar traballos periódicos de mantemento alóngase a vida útil deste tipo de instalacións, ademais de mellorar as súas condicións de uso, unha necesidade que a Deputación detectou hai tres anos e que, dende entón, atende. Para o mantemento anual dos terreos naturais realízase primeiramente un escarificado (realización de pequenos cortes verticais para potenciar o “afillado” do céspede) e, a continuación, un pinchado oco ou macizo da terra, xunto co proceso de achega de area. A superficie queda ben preparada para a resembra.
Os campos sintéticos mellorados este ano son os de Tui (campos de Caldelas, Ribadelouro e Álvarez Durán), Soutomaior (Salgueirón e Candán), Campo Lameiro (A Chanciña), Tomiño (Carballa e Regatiño), Agolada, Mondariz (A Lagoa), Ponte Caldelas (Chan da Barcia), A Lama (Racelo), Nigrán (Condomínez e Vilariño), Pazos de Borbén (Areeiro-Nespereira), Covelo, Catoira (As Lombas), Vilaboa (Chan do Vilar, O Cabalo e Campo do Cura), Gondomar (A Gándara e As Cercas), Pontecesures (Ramón Diéguez), Moraña (O Buelo), Cambados (Pombal 1 e 2), Vilanova de Arousa (Monte Redondo, Monte da Lomba e As Chans), O Rosal (A Mata), Valga (Campaña 1 e 2), Ponteareas (Alfredo Bautista Alconero, Angoares e A Lomba), Cangas (Morrazo, Javier Guimeráns e San Amaro), Poio (A Seca e A Reiboa), Meaño (A Toxa), Mos (As Baloutas e Louro Tameiga-Cototorrón), Barro (Outeiro), Sanxenxo (A Lanzada-Noalla, Baltar, O Revel-Vilalonga) Salvaterra de Miño (Casal), Vilagarcía de Arousa (Berdón, Manuel Jiménez Abalo, A Pelada, Municipal de Vilaxoán e Municipal María Paz Vilas), Rodeiro (A Raña), A Cañiza (Augas Férreas), Salceda de Caselas (Penedo Redondo), Silleda (Outeiro e Gandareira-Bandeira), Meaño (As Cachizas-Dena), Vila de Cruces e Meis (Municipal de Zacande).
No que atinxe aos campos de céspede natural actuouse en Tui (campos Álvarez Durán e de Guillarei), Vilagarcía de Arousa (A Lomba, Municipal de Fontecarmoa e Estadio de Atletismo), Mondariz (A Lagoa), Gondomar (As Gaiandas), Moraña (Mirallos), Cambados (Burgáns), Ponteareas (Lomba, Pardellas, Eido Dalbo -Xinzo e San Mateo), Valga (Baño-Xanza), A Estrada (Berres), Cangas (Municipal Atletismo), Ribadumia (A Senra), Sanxenxo (Baltar-Portonovo e Vilalonga), Salvaterra de Miño (Dextros), A Cañiza (Vieiro), Salceda de Caselas (Municipal de A Gándara), Silleda (Agronovo-Laro e Mullaredos-Lamela), Illa de Arousa (Salvador Otero) e Pontevedra (Estadio Municipal de Pasarón).
O Goberno de Carmela Silva decidiu poñer en marcha esta liña de actuación, en especial no que atinxe ás superficies artificiais, ao comprobar que moitos municipios estaban a dedicar recursos do Plan Concellos para a substitución do tapete por esgotamento prematuro debido a un insuficiente mantemento. Ao realizar traballos periódicos de descompactación, cepillado e achega de caucho a duración prolóngase e os recursos municipais optimízanse.