O Museo vai desenvolver dende o 20 ata o 24 de outubro a súa unha ‘semana lorquiana’. Trátase das segundas xornadas organizadas arredor do 25 de outubro, denominado ‘Día de García Lorca en Galiza’, e estarán dirixidas tanto a público infantil como adulto, sendo desenvolvidas por Polo Correo do Vento.
Esta segunda edición que afianza esta data no almanaque cultural ampliando e axeitando a oferta lorquiana no Museo de Pontevedra saíu adiante tralo éxito da primeira edición. Neste caso, terase en conta a realidade da situación actual da pandemia provocada pola Covid-19, e as actividades realizaranse tendo en conta as medidas recomendadas para protexer a saúde de todas as persoas participantes (hixiene, menor aforo, actividades ao aire libre, alternativas de presentacións en vídeo…).
As actividades comezarán o martes 20 con contacontos ilustrados para os colexios de Pontevedra. Nestas sesións de 60 minutos aproximadamente realizarase unha narración dirixida ao público infantil e ao tempo que se desenvolve un debuxo, ambas actividades vencelladas á presenza de Lorca en Galicia e aos fondos do Museo de Pontevedra. Na parte final, a rapazada asistente ilustrará ao poeta granadino nun obradoiro de debuxo.
Xa para público adulto, celebrarase a mesa redonda ‘Federico García Lorca en Pontevedra. As iniciativas pedagóxicas e a revista Cristal’. Será o xoves 22 ás sete e media da tarde, e proporá unha nova achega da visita de Lorca á cidade de Pontevedra e vinculada á exploración de iniciativas pedagóxicas da época tan ligadas á visita da Barraca como as Misións Pedagóxicas e á revista Cristal.
Na mesa estará a libreira e escritora Mercedes Corbillón como moderadora e participarán como relatores o historiador e crítico de arte Ramón Rozas, o editor e escritor Henrique Alvarellos e o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo. Finalmente, o sábado 24 realizarase un roteiro titulado ‘Lorca e a revista Cristal’, que partirá á unha da tarde dende a Praza de San Xosé. Consistirá nun roteiro explicativo pola cidade de Pontevedra en relación á publicación da revista ‘Cristal’, que se iniciará na Praza de San Xosé e rematará no Museo de Pontevedra. O roteiro precisará de inscrición previa en [email protected].