O Museo de Pontevedra vén de convocar o concurso fotográfico xuvenil ‘Pegadas do mar e da terra’ como actividade complementaria á exposición de José Suárez. Está dirixido a mozas e mozos que cursen ESO ou Bacharelato, que deben presentar as súas imaxes antes do 11 de abril seguindo as características das creacións do fotógrafo de Allariz.
O persoal do servizo de Educación do Museo lembra que José Suárez inmortalizou coa súa cámara o traballo das galegas e galegos e as súas pegadas no mar e na terra. Por iso como homenaxe a el, as fotografías presentadas no concurso deben ser en branco e negro e xirar en torno a unha desas dúas temáticas, onde os obxectos e as xentes vencelladas a estes labores tradicionais sexan os verdadeiros protagonistas: aparellos de pesca, marisqueo ou de labranza, pezas de olería, embarcacións tradicionais, etc.
Cada participante poderá presentar unha única fotografía en branco e negro, preferentemente en formato horizontal, sendo unha obra propia, orixinal e inédita. As fotografías deberán ser enviadas a [email protected] xunto co nome e o curso do autor/a e o do seu centro educativo, o título da obra e categoría na que participa (Pegadas do mar ou Pegadas da terra), un breve comentario da peza fotografada (identificación, uso, características…), e mes e ano da realización da fotografía. No caso de que nas fotografías aparezan persoas que poidan ser identificadas polo seu rostro deberase contar coa súa autorización.
O prazo límite de presentación de fotografías será o 11 de abril. Os aspectos a valorar serán a orixinalidade e calidade artística e técnica da imaxe; a idoneidade do título; o seu contido relacionado co tema do concurso; e o comentario que acompaña ao obxecto retratado.
Outorgaranse dous premios en función do nivel educativo, ESO e Bacharelato, en cada unha das categorías temáticas. As autoras ou autores das obras seleccionadas recibirán un agasallo vinculado coa fotografía e o catálogo da exposición de José Suárez. Os premios serán publicados na web e no Facebook do Museo xunto cunha selección de obras escollidas polo xurado entre o conxunto das presentadas.
O xurado estará formado por profesionais do Museo vencellados aos fondos fotográficos. O fallo darase a coñecer nos días inmediatos á fin do concurso e comunicarase a través dunha chamada telefónica e da web e do Facebook do Museo.
Visitas guiadas á exposición ‘José Suárez 1902-1974’
Ademais do concurso fotográfico vanse poñer en marcha todos os xoves e sábados ás 18 horas as visitas guiadas á exposición ‘José Suárez 1902-1974’. Só está permitido que participen catro persoas por sesión debido á situación creada pola COVID, polo que é necesaria inscrición previa a través do tlfno. 986.804.100 extensión 42413 ou por correo electrónico [email protected], en horario de 8:30 h a 14:30 h. Tanto a entrada á exposición como a participación na visita guiada é gratuíta.