10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Castelo de Soutomaior énchese coa reivindicación da industria cultural

    O Castelo de Soutomaior énchese coa reivindicación da industria cultural

    O Castelo de Soutomaior encheuse para acoller as reivindicacións e reclamacións do sector cultural para crear un ecosistema digno, que protexa e coide os traballadores desa industria para poder salvagardar o futuro tanto do propio sector como, en definitiva, da cultura galega. Foi a través da xornada “Coidar de Nós para Coidar da Cultura. Cara a uns Modelos máis Sustentables de Traballo na Xestión Cultural”, organizada pola Deputación en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), e que esgotou todas as prazas dispoñibles. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do presidente da AGPXC, Carlos Lorenzo, e do comisario da xornada, Sergio Lago, inaugurou esta actividade, na que se deron cita máis dun centenar de profesionais do sector cultural, situando como “prioridade da actuación política a planificación estratéxica da cultura” e reclamando maiores investimentos “non só para que a xente goce, senón porque a cultura ten un gran poder transformador e xera pensamento crítico”.

    A presidenta Carmela Silva salientou que na cultura “estamos facendo moitas cousas ben, e de feito vivimos unha gran revolución cultural, pero tamén se veñen arrastrando moitas cuestións que precisan unha resolución” para responder as dificultades do sector, como a atomización, a intermitencia laboral, a escasa oferta de emprego estable ou o déficit de persoal formado nas institucións públicas. Carmela Silva puxo en valor o compromiso da Deputación coa cultura “malia que temos recursos escasos, a metade dos que poden ter cidades como Vigo ou A Coruña” e enxalzou o escenario da xornada, o Castelo de Soutomaior, “que fala do legado cultural do que somos herdeiras e herdeiros as persoas que vivimos aquí e as que vos dedicades á cultura”. A fortaleza, sinalou, “foi un centro cultural especialmente cando a súa dona foi unha muller –María Vinyals– que o converteu nun espazo de encontro” por onde pasaron “os mellores pintores/as, escritores/as como Rosalía de Castro ou Castelao, tiña un teatro, e a propia María Vinyals foi escritora e fotógrafa”.

    Pola súa banda, o presidente da AGPXC, Carlos Lorenzo, agradeceu a Deputación por ser “cómplice habitual” e por “sumarse á nosa inquedanza de traballar a prol dunha cultura mellor e dun eixo vertebrador, a xestión cultural, máis sólida e mellor artellada”. Carlos Lorenzo, quen amosou a súa ledicia polo “nivel de afluencia” da xornada, asegurou que “parecíanos fundamental falar das condicións coas que traballamos as persoas profesionais da cultura: non só laiarnos senón reflexionar para mudar esta situación”. Ademais incidiu na necesidade de “facer ver á sociedade o seu valor: na pandemia todo o mundo puxo en valor a cultura, pero xa se esqueceu o noso valor social”.  Tamén tivo palabras de agradecemento o comisario da xornada, Sergio Lago, tanto para o público, “por acompañarnos nesta xornada e esgotar todas as prazas dispoñibles”, como para a Deputación “por acollernos e facer posible o día de hoxe”.

    Jorge Fernández León, membro do grupo de traballo sobre cultura e contorna rural da Rede Española para o Desenvolvemento Sustentable (REDS), e Gemma Carbó, directora do Museo da Vida Rural da Fundación Carulla (L’Espluga de Francolí, Tarragona) e presidenta da fundación INTERARTS, mantiveron unha conversa sobre sustentabilidade e traballo cultural. Jorge Fernández León sinalou que “a maioría do traballo cultural non está suficientemente conectado coa comunidade, é un campo que aínda precisa ser penetrado por outras visións”. Tamén se referiu a un modelo de concentración cultural fronte aos intentos de crear industrias domésticas: “é o mesmo falar do fondo de investimento americano que se fixo con todos os macrofestivais de música españois que dos modelos críticos que aínda subsisten e nos que temos capacidade de intervención?”, sinalou.  Gemma Carbó engadiu que o diñeiro público en cultura estase destinando ao entretemento e remarcou que “somos o único sector que non inviste en I+D”. Carbó sinalou a precariedade dos traballos que se lle ofrece á xente nova, e asegurou que “atopamos un cambio de mentalidade respecto á idea de medrar profesionalmente no mesmo espazo”. A consecuencia, dixo, é “que seremos un sector envellecido, sen capacidade de conversa entre maiores e xente nova”.

    Na xornada tamén tivo lugar unha mesa de experiencias con perspectivas institucionais onde participaron Fernando Cerón, conselleiro técnico da Dirección Xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación do Ministerio de Cultura; Pilar Portela, coordinadora de Música e Danza na Axencia Galega das Industriais Culturais e representante da AGPXC na comisión de profesionalización da Federación Estatal de Asociacións de Xestores Culturais; e Tere Badía, investigadora e xestora cultural. Fernando Cerón sinalou que o sector cultural supón en España o 3,5% do PIB, “o mesmo que a agricultura”, e explicou o proceso de traballo interministerial no desenvolvemento do Estatuto do Artista durante os últimos dous anos. “É a primeira vez que se traballa en marcos legais e específicos para a actividade cultural, creando un novo concepto de actividade cultural, e asumindo a intermitencia nos contratos de cara á protección e cotización das e dos traballadores culturais”. Pilar Portela explicou os traballos desenvolvidos pola Federación Estatal de Asociaciones de Gestores Culturales a prol da profesionalización e definición da figura de xestor/a cultural. Pola súa parte, Tere Badía explicou que no ámbito europeo as análises dos efectos da pandemia no sector foron devastadores e serviron de revulsivo para abrir unha etapa de novos retos e oportunidades. “En 2020 descendeu nun 31% o volume de traballo, perdéronse 200.000 millóns de euros de ingresos e milleiros de postos de traballo”, informou, e engadiu que un 33% do persoal da cultura é autónomo.

    As protagonistas da mesa redonda sobre perspectivas profesionais foron Patricia Hermida, manager, produtora, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais e socia fundadora de Mujeres de la Industria Musical; Fran Quiroga, investigador transdisciplinar e coordinador xeral en Concomitantes; e Alejandro Nieves, xestor e comunicador cultural. Fran Quiroga asegurou que “un elemento fundamental é a idea de valor, valorizar o traballo da cultura non só económico senón social, de cohesión de comunidades para facer a vida da xente máis feliz, e que non sexa cuestionado ao igual que o do persoal médico nin aos avogados ou avogadas”. Así, asegurou, “despois retribuirase de xeito acorde”. Patricia Hermida reflexionou sobre a necesidade de “desapegarnos da relación tóxica que temos coa cultura, co amor pola nosa disciplina, e o enganche que supón ser parte desta dinámica, un remuíño que arrasa por onde pasa porque todo vén a última hora”. “Temos que poñerlle límites e ser conscientes deles para construír un sector menos insán”, asegurou. Pola súa banda, Alejandro Nieves reflexionou sobre que o sector “peca de minifundismo, sen unirse nin cooperar”. Para ilustrar esta idea, puxo como exemplo que “as persoas que queremos facer cohesión social desde a cultura presentamos multitude de proxectos na busca de financiamento, cadaquén na súa aldea, e pretendemos que nos dean o mesmo a todos”.

    Xa pola tarde, o autor, director de escena e narrador oral Cándido Pazó ofreceu a contada “Traballar na cultura? Espera que che conto!”, onde ofreceu de xeito cómico vivencias propias como traballador cultural. A continuación abríronse mesas de conversas en formato horizontal, con grupos reducidos, nos que as persoas asistentes puideron compartir ideas, facer consultas e debater cuestións concretas arredor das temáticas: “O traballo público en cultura”, “O traballo privado en cultura”, “A activación de espazos e proxectos para unha creación cultural máis sustentable” e “O equilibrio entre os proxectos profesionais na cultura e uns proxectos de vida máis sustentables”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.