Venres, 28 Marzo de 2025

O 26 % das persoas ingresadas por Covid nos hospitais do Sergas presentan a variante Ómicron

O Servizo Galego de Saúde continúa a monitorizar os casos positivos que ingresan nos hospitais da rede sanitaria pública galega, detectando que o 26,08 % das persoas ingresadas presentan infeccións compatibles coa variante Ómicron.

Analizando os datos segundo a área de hospitalización, esta porcentaxe acada o 28,63 % no que atinxe ás unidades de hospitalización do Servizo Galego de Saúde, e descende até o 11,36 % no caso das persoas que se atopan ingresadas nas Unidades de coidados intensivos.

Sanidade continúa a analizar as infeccións de cada un dos ingresos que se producen nos hospitais galegos para determinar a que variante do virus Sars-Cov-2 a que pertencen, co obxecto de poder avaliar e facer un seguimento específico á evolución de cadansúa cepa.

Neste senso, o Servizo Galego de Saúde realízalle unha proba diagnóstica específica a todos os pacientes positivos que ingresan nos centros hospitalarios, co ánimo de poder avaliar a carga da variante ómicron durante a súa hospitalización.