11.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia'María Soliña' preséntase en Cangas que, xunto con Redondela, serán os primeiros...

    ‘María Soliña’ preséntase en Cangas que, xunto con Redondela, serán os primeiros escenario galegos para a súa estrea

    Carmela Silva: “A historia de María Solinha emociónanos a todas porque é a nosa historia, é a historia das mulleres”

    A esperada película de Ignacio Vilar ‘María Solinha’ percorrerá máis de 100 concellos galegos entre os meses de xuño e outubro deste ano e transgredirá as fronteiras autonómicas con representacións en Castela e León e Portugal. Así se puxo de manifesto na presentación que tivo lugar este venres no Auditorio de Cangas, vila que, xunto a Redondela, acollerá a estrea da longametraxe sobre a viúva acusada de meiga e símbolo da loita contra a represión das mulleres.

    “Esta historia emociónanos a todas porque é a nosa historia, é a historia das mulleres” manifestou ó respecto a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que asistiu á presentación na capital do Morrazo onde tamén estiveron o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o director de AGADIC, Jacobo Sutil, amais de todo o elenco da película co director, Ignacio Vilar, o responsable da exhibición, Xoán Mariño, e as actrices e actores Laura Míguez, Grial Montes, Antonio Durán “Morris”, Santi Prego e Mabel Rivera.

    A primeira proxección do filme será o vindeiro venres 19 de xuño no concello de Redondela, mentres que o 20 de xuño “María Solinha” chegará a Cangas. Ambas estreas serán ó aire libre. “A presentación vai percorrer o territorio levando o cinema e a cultura a todos os lugares. Imos levar o cinema a toda a xente. Hai algo máis democrático?”, preguntou a presidenta da Deputación sobre o modelo de distribución que se escolleu. Segundo Xoán Mariño, o xeito no que se moverá a película representa “un feito histórico porque non hai moitas pelis que estreen primeiro no rural e logo nos cines. Ademais, debe ser a primeira vez que se estree unha película nun autocine”. Deste xeito, entre os meses de xuño e outubro deste ano haberá estreas en numerosos concellos de toda Galicia. En todos os casos se seguirán as recomendacións e directrices derivadas da situación de crise sanitaria provocada polo COVID-19, polo que a longametraxe será proxectada nas mellores condicións técnicas para garantir todas as medidas de seguridade, aforo e hixienización.

    A dinamización da economía dos concellos tamén se atopa fortemente ligada con esta película. Tanto Xoán Mariño como Digna Rivas e Xosé Manuel Pazos denotaron na presentación a importancia que ten a cultura como sector estratéxico. Xosé Manuel Pazos, ademais, explicou que “a rodaxe desta película xerou riqueza en toda a zona”. “A xente da cultura é capaz de reinventarse”, apuntou Carmela Silva sobre a capacidade de adaptación do proxecto á nova realidade. Apoiar o cinema que utiliza como lingua vehicular o galego e visibilizar ás mulleres da provincia, á vez que se dan a coñecer os territorios e o patrimonio da provincia son os obxectivos que a Deputación de Pontevedra persegue coa súa colaboración na financiación desta película.

    Durante a presentación, a presidenta tamén quixo poñer en valor o cartel da película por ser quen de apreixar o espírito da obra e a loita contra o dragón, a metáfora do sistema machista e patriarcal: “Amosa unha terra, a provincia de Pontevedra, a mellor que hai. Amosa un océano Atlántico no que ocorreron tantas cousas e que nos situou no centro do mundo hai 2.000 anos. Amosa dúas mulleres cómplices, irmás e empoderadas que miran cara o mar enriba dunha rocha e que se miran entre si buscando esa relación para acabar co dragón”. Así, a longametraxe é unha crónica da imparable enerxía feminina a través da figura de María Solinha, unha viúva de Cangas que sufriu no século XVII en primeira persoa a represión feminina ó ser denunciada por bruxería. O dragón é o eixo que vertebra a obra para trazar a relación entre a sociedade inquisidora na que morreu María e a sociedade actual, baixo as gadoupas da besta.

    Dirixida por Ignacio Vilar e producida por Vigopolis e Vía Láctea Films, a película conta cun reparto cen por cento galego e composto por ata 30 profesionais da interpretación, entre os que se atopa Grial Montes, actriz que protagonizará xunto a Laura Míguez a longametraxe e que quixo denunciar o tratamento da muller na sociedade actual: “Xa vai sendo hora de que nos tomen en serio. Non somos complementos, somos persoas”. Ignacio Vilar, pola súa banda, puxo o foco sobre María Solinha, explicando o enorme descoñecemento que existe con respecto á canguesa. “Penso que é importante recuperar unha figura como a de María Solinha e o cine danos esa oportunidade para dar a coñecela ante o mundo”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.