Este venres, día 13 de decembro, o xornalista e escritor Manrique Fernández presentará na libraría Cartabón o seu novo libro de relatos ‘Os anxos indecisos’, publicado na colección ‘Literaria’ da Editorial Galaxia. O acto comezará ás 20:00 horas e o autor estará acompañado pola tamén escritora Iria Collazo e polo director xeral de Galaxia, Francisco Castro.
‘Os anxos indecisos’ é unha colección de sete relatos cos que o autor pretende explorar a relevancia das decisións que tomamos e como afectan ás nosas vidas e ás de outros, así como a incertidume que pode chegar a provocar a dúbida á hora de facerlles fronte a esas decisións.

Os relatos están ambientados en distintos escenarios pero todos eles falan de cuestións de actualidade, como a inmigración, os malos tratos á muller ou á infancia, a precariedade laboral, o papel dos medios de comunicación ou os desafiuzamentos, entre outros. Lonxe da iconografía habitual, os ‘anxos’ que protagonizan estes relatos non posúen nin ás nin plumas, senón pugas coas que se defender dunha sociedade hostil pola que se senten agredidos.
Ao longo de todo o libro, o autor xoga con distintas voces narrativas para relatar cada historia, así como con diferentes técnicas e estilos cos que darlle variedade ao conxunto. As personaxes que protagonizan os relatos viven no límite, enfrontándose permanentemente a unha sociedade da que non se sinten parte e buscando un fío de luz ao que se aferrar para saír adiante.
Manrique Fernández é xornalista e, ademais de narrativa, ten cultivado a poesía, o teatro, a biografía ou o ensaio. Tamén mantén un blog de recensións literarias, unha sección quincenal –O Meu Andel– neste xornal de Comarcas na Rede e colabora co Concello de Ponteareas e con outras entidades en diversas iniciativas culturais.