Xoves, 20 Marzo de 2025

Máis de catrocentas mulleres comezan, este mércores, 22 accións de ‘Conectadas’

O programa da Deputación de Pontevedra ‘Conectadas 2019’ continúa poñendo en marcha accións formativas dirixidas a empoderar ás mulleres da provincia mediante a formación. Deste xeito, desde este mércores, 405 mulleres pertencentes a asociacións de 18 concellos pontevedreses comezan 22 cursos.

En liñas xerais, a través desta iniciativa da institución provincial, está previsto que participen 4.000 mulleres de 53 concellos da provincia.

O mércores 11 de setembro comezarán seis cursos en asociacións dos concellos do Grove, Redondela, Salceda de Caselas e Vigo. No Grove terán lugar dous cursos, un de ‘Teatro’ , no que participarán as mulleres da Asociación Española contra o Cancro ata o 11 de decembro e en horario de 18:30 h a 21:00 horas, e outro de ‘Artesanía en Coiro’ no que participarán integrantes da Confraría de Pescadores San Martiño do Grove ata o 27 de novembro e en horario de 18:30 h a 21:00 horas tamén os mércores.

En Redondela tamén mañá comeza o curso de ‘Ioga’ dirixido á Asociación de Mulleres de Chapela Agarimo. Neste caso, o curso terá lugar todos os mércores de 17 h a 19 horas e ata o 15 de xaneiro.

Pola súa banda en Salceda de Caselas arrancarán mañá dous cursos de ‘Ioga’, nos que participarán integrantes da Asociación de Vecinos Carballeira-Picoña, e de ‘Pilates’, dirixido ás mulleres do Centro Cultural e Veciñal San Xurxo. O primeiro dos cursos terá lugar os mércores de 20 h a 21:30 h e os venres de 19 h a 20:30 h e rematará o 27 de novembro e o segundo dos cursos o mércores de 21:30 h a 22:30 h e os venres de 21:15 h a 22:15 h ata o 15 de xaneiro.

No caso de Vigo comezará mañá o ‘Obradoiro de Mindfulness’ no que participarán mulleres da Asociación veciñal Doutor Fleming. O curso desenvolverase os mércores de 10 a 12 e ata o 11 de decembro.

O xoves, 12 de setembro, comezarán catro cursos en asociacións dos concellos de Barro, A Guarda, O Porriño e Vilagarcía de Arousa. No primeiro concello terá lugar o obradoiro de ‘Iniciación ao Patchwork’ no que participarán integrantes da Asociación Peñaflor todos os xoves de 15.30 a 17.30 horas ata o 11 de decembro. Na Guarda, terá lugar un curso de ‘Risoterapia’ dirixido a mulleres da Asociación Érguete que se desenvolverá de 18.40 a 20.40 todos os xoves ata o 2 de xaneiro.

Pola súa banda no Porriño terá lugar un curso de ‘Artesanía en Coiro’ dirixido a mulleres da Asociación Cultural Os Penediños, todos os xoves de 19:30 h a 22:00 h horas e ata o 26 de decembro. Finalmente, e tamén o xoves, arrancará o curso de ‘Pilates’ no que participarán mulleres da Asociación Anduriña de Sobradelo de Vilagarcía ata o 30 de xaneiro e en horario de 18 h a 19:30 h.

O venres, 13 de setembro, comezarán nove cursos en asociacións de oito concellos da provincia: Caldas, Lalín, Mos, Oia, Ponteareas, Rodeiro, Vila de Cruces e Vilaboa. Así, en Caldas iniciarse o taller de ‘Artesanía en Coiro’ no que participarán mulleres da Asociación Santa Mariña todos os venres de 16 h a 19 horas ata o 20 de decembro. En Lalín mulleres da Asociación de Mulleres de Filgueira comezarán o curso de ‘Pintura’ que se estenderá ata o 18 de xaneiro en horario de 20 h a 22:00 h. No caso de Mos terá lugar un obradoiro de ‘Risoterapia’ no que participarán mulleres da Asociación As Pedriñas ata o 27 de decembro de 20:30 h a 23 horas.

Pola súa banda tamén o venres iníciase un curso de ‘Iniciación á Costura’ no que participarán mulleres da Asociación Santa Eugenia de Mougás de Oia ata o 27 de decembro e en horario de 18 a 20.30. No concello de Ponteareas, un grupo de mulleres da Asociación Casa Cultural de Bugarín comezan o curso de ‘Pintura’ que se estenderá ata o 27 de decembro en horario de 18 a 20.30. En Vila de Cruces arrancará ‘Ximnasia de Mantemento’ no que participarán todos os venres de 22 a 24 horas e ata o 17 de xaneiro un grupo de mulleres da Asociación de Mulleres Rurais de Loño. Amais en Vilaboa comezará ‘Iniciación ao patchwork’ con mulleres da Asociación de Veciños Santa Cristina ata o 21 de decembro e en horario de 19 a 21.30.

Finalmente en Rodeiro desenvolveranse dous cursos os venres nos que participarán mulleres da Asociación Virxe do Faro e Terras de Camba. No caso da primeira asociación comezarán o obradoiro de ‘Xardinería’, que se estenderá ata o 13 de decembro en horario de 17 h a 20 horas, e, a segunda asociación, fará o mesmo con ‘Risoterapia’ ata o 27 de decembro en horario de 16 h a 18:30 h os venres.

O sábado, 14 de setembro, comezarán tres cursos nos concellos da Estrada, Silleda e Vigo. Na Estrada terá lugar un obradoiro de ‘Sendeirismo’ no que participarán mulleres da Asociación de Veciños a Firgha da Somoza e se desenvolverá ata o 7 de decembro todos os sábados de 16 a 19 horas. En Silleda desenvolverse unha acción formativa de alfabetización dixital dirixida a mulleres da parroquia de Laro todos os sábados ata o 21 de decembro e en horario de 16 a 18.30 horas. Finalmente en Vigo terá lugar un obradoiro de ‘Sendeirismo’ que comezará o sábado e desenvolverse ata o 7 de decembro de 10 a 13 horas.