A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno a adxudicación do contrato de subministración de equipamentos para os 9 puntos limpos da provincia dentro do programa europeo cofinanciado polo Feder ao 75% no marco do programa operativo de cooperación transfronteiriza España-Portugal 2014-2020. Deste xeito, o goberno de Carmela Silva destina máis de 150.000 euros a estas actuacións.
A presidenta da Deputación enxalzou que “o obxectivo deste proxecto ten que ver coa nosa aposta prioritaria pola transición ecolóxica e coa xestión e recollida dos Residuos Eléctricos e Electrónicos”, e explicou que o acondicionamento destes nove puntos limpos permitirá o cumprimento da normativa europea e española para o tratamento do “lixo tecnolóxico”. Tal e como indicou Silva, os puntos limpos de Silleda, Ponteareas, Mancomunidade do Morrazo, A Lama, A Guarda, Nigrán e Gondomar teñen un prazo de execución do contrato de dous meses; o punto limpo de Meaño, de mes e medio; e o de Vilagarcía, de tres meses.
A Deputación de Pontevedra conseguiu os fondos FEDER e asumiu o liderado do proxecto ESTRAEE, xunto con outros tres socios españois (Revertia, ERP España e Energy Lab) e dous portugueses (ERP Portugal e Liport). Este proxecto busca dar un salto cualitativo na xestión ambiental e na adaptación á estratexia europea 2020 no ámbito de protección dos recursos naturais e eficiencia na xestión dos residuos.