11.4 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaLuis López anima a traballar pola igualdade "os 365 días do ano"...

    Luis López anima a traballar pola igualdade “os 365 días do ano” na inauguración dunha mostra sobre o traballo das mulleres do mar

    O presidente da Deputación de Pontevedra visitou o CEIP Plurilingüe Antonio Palacios e presentou o premio creado pola Deputación, o Boas Prácticas en Igualdade, para recoñecer os avances nos eidos cultural, social, deportivo e educativo

    O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este martes no colexio plurilingüe Antonio Palacios do Porriño na inauguración da exposición “Achegas das mulleres á Sustentabilidade do Mar”, enmarcada no programa de conmemoración do Día Internacional da Muller deste centro de Educación Primaria. Durante o acto, o mandatario provincial puxo en valor o labor das mulleres que traballaron e traballan no eido do mar, desde o marisqueo ata as investigadoras; e salientou, diante dos escolares de sexto curso, que calquera delas sería xusta merecedora do Premio Boas Prácticas en Igualdade que acaba de crear o organismo provincial. “Eu tamén vexo aquí futuros gañadores deste premio”, confesoulle Luis López aos estudantes sobre un galardón que recoñece o traballo pola igualdade no social, cultural, deportivo ou educativo.

    Acompañado pola deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; a profesora e investigadora, Tamara Amorín; e integrantes da comunidade educativa; o presidente da Deputación fixo fincapé na necesidade de traballar ao longo de todo ano para acadar a meta dunha igualdade real entre mulleres e homes. “Hai un día moi importante esta semana, o 8M, no que se celebra o Día da Muller. Pero eu pídovos que non sexa só un día, que sexa os 365 días do ano. É o que pretendemos desde a Deputación, con moitas actividades ao longo do ano”, encargoulle o dirixente provincial ao conxunto dos estudantes dos centros educativos do Porriño que se deron cita este martes no Antonio Palacios.

    Aproveitando o contido desta exposición, sobre a que os escolares deste centro traballarán ao longo dos vindeiros días en obradoiros relacionados coa igualdade e a sustentabilidade do medio mariño, Luis López reivindicou o papel de todas mulleres que traballan neste sector. Así, interesouse por se os escolares tiñan algún familiar que se dedicara ao mar e convidounos a recoñecer o esforzo de todos estes traballadores e a “darlle visibilidade ás mulleres que fan actividades relacionadas co mar”.

    Pola súa banda, o rexedor Alejandro Lorenzo sumouse á petición do presidente provincial de traballar pola igualdade ao longo de todo o ano e animou aos estudantes a aproveitar as ensinanzas desta exposición. “O Porriño non ten mar, pero moitos temos familiares relacionados co mar e hoxe poñemos en valor a esas mulleres”, concluíu o rexedor, quen acompañou ao presidente da Deputación nun percorrido por esta exposición sobre as mulleres do mar e a súa aportación á sustentabilidade destes ecosistemas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.